A MARCHA DA DIGNIDADE, un artigo de Francisco Xabier Alonso Pérez

 

Subo un artigo do concelleiro do BNG en Vigo, Xabier Alonso (que O Faro de Vigo non o quixo publicar na edición de Manifestación por un convenio xustoonte)  sobre a marcha de dous días a pé  dos traballadores do metal de Vigo. Na chegada dos manifestantes a San Caetano, que reivindican un convenio xusto, estaba presente una representación da Executiva Nacional do BNG, encabezada por Guillerme Vázquez e Francisco Rodríguez, para amosar o apoio da organización frontista ás súa reivindicacións.

 »Onte martes chegaron a Santiago máis de 2000 traballadores do metal da provincia de Pontevedra para reivindicar un convenio xusto. Coincidindo con esta marcha, pedíronme da revista de pensamento político “Terra e Tempo” unhas notas sobre a situación do nacionalismo político na década dos 70, acerca da miña participación no inicio do sindicalismo nacionalista SOG (Sindicato Obreiro Galego), xermolo da actual CIG e da miña presenza como negociador do Convenio do Metal nos anos 76 e 77. 

Teño que dicir que recordo como unha experiencia moi importante o meu paso como traballador do sector, e sempre vin como moi positivos valores que aportan á sociedade, por iso non dubidei en sumarme de maneira simbólica nun tramo da marcha. 

Os traballadores do sector do metal coas súas reivindicacións aportan á sociedade, fóra de anécdotas puntuais de minorías, valores que moitos pensaron que morreran co século XX: solidariedade, ética, compañeirismo, demanda de xustiza. Na sociedade actual onde non cotiza á alza o colectivo, están dando leccións de democracia participativa, debaten sobre as propostas a negociar e toman as decisións coa participación aberta. Para a dereita son un exemplo perigoso, non dubidarían en quitarlles o dereito a mobilizarse por uns salarios xustos mentras miran para outro lado cando en Gondomar concelleiros do PP e do PSOE se alían no “partido do Cemento” para facerse coa Alcaldía con prácticas espúreas. 

Grazas ao esforzo de empresarios e traballadores Vigo é o motor industrial de Galiza, o sector do metal ten un gran impacto económico, por iso é normal e bó que os empresarios obteñan beneficios, pero non poden ser os traballadores o que paguen unha crise internacional que non crearon, non pode ser que os beneficios que as empresas deben obter sexa a costa do seu principal capital que é a man de obra. 

Porque se algo non son os traballadores do metal é ser os causantes da crise, nen os que dispoñen contas en paraisos fiscais, nen os que acuden a illas con prostitutas de luxo. 

Os traballadores do sector do metal son os que coas súas máns de mecánicos, soldadores, caldereiros, electricistas, chapistas, etc… construen e reparan os barcos cos que os mariñeiros pescan o peixe que comemos, coas súas máns construen os coches onde viaxamos, coas súas máns instalan a calefacción que nos da calor no inverno, etc. e aínda adican o mellor do seu tempo libre para organizarse, discutir as súas reivindicacións e mobilizarse para esixir o que en xustiza lles pertence. Ou son eles e as súas familias os culpábeis da crise? Os TUCSIM abertos ao diálogo???

É necesario a solución deste conflito xa. A Xunta de Galiza ten que exercer dunha vez as súas competencias, mediando activamente e facilitando o acordo. 

A Marcha, co paso firme e a cabeza erguida, dos traballadores do metal, polas estradas de Galiza por un convenio xusto, merece ser escoitada polo Goberno de Galiza.»

 

Deixa unha resposta