Pechado temporalmente por vacacións
Posted in A Costa da Morte on 07/13/2009 03:39 p.m. by Xosé AntónNeste mundo que vexo de presente imperfecto, aproveito que marcho uns días de vacacións para darlle os parabéns aos novos
cargos do Consello Local do BNG da Laracha. Se cadra abuso da amizade por felicitalos, mais a estes bos amigos pídolles que continúen coa súa actitude (de xeito contrario ás persoas que se autoadoutrinan no facer que se fai ou na inmobilista equidistancia aséptica) activa e tamén reflexiva no traballo político que van desenvolver. Dese xeito, e servindo de exemplo un recente caso do que se ten falado e reflexionado, non teremos que desconfiar dos aplausos unánimes.
Parécenme as persoas adecuadas para ocupar uns cargos que a Asemblea Local necesita, traballando arreo tamén desde a nosa localidade para que non desaparezan os soños colectivos de conseguir unha Patria liberada.
Estes días, entre outras actividades, están a organizar a Festa do Río, realizada sempre arredor do día da Patria Galega. A Festa do Río empezou hai 14 anos como reivindicación dunha área de ocio en Gabenlle, e serve como preámbulo da festa que todas as galegas e galegos celebraremos o vindeiro 25 de xullo en Compostela.
Desexo que con tanta festa non se lles vaia o sentidiño a estes amigos, mais tampouco sería estraño que se lles mancase o sentido de tanto usalo.
Vémonos de novo a noite que actualice o blogue (o 24 de xullo) e o 25 de Xullo en Compostela.
Unha aperta e até a volta a tod@s!