Reelixido Suso Seixo como secretario xeral da CIG nun congreso que asume a necesidade de loitar por un novo modelo socioeconómico.
Publicado en Galiza o 21/06/2009 20:53 por Xosé AntónSuso Seixo revalidou por terceira vez o cargo de secretario xeral da Confederación Intersindical Galega. Obtivo 381
votos a favor, 124 sufraxios en contra e 29 abstencións no V Congreso da CIG.
Neste congreso, que asume a necesidade de loitar por un novo modelo socioeconómico que sirva aos intereses da clase traballadora galega, asistiron máis de 30 representantes de organizacións sindicais de todo o mundo, o que constata o recoñecemento internacional que ten a CIG malia ser unha central sindical dunha nación sen estado. Desde China até América Latina, pasando por Europa, África e o estado español estaban representados.
As catro candidaturas que se presentaron conseguiron representantes na Executiva Confederal da CIG . A que máis apoios recibiu foi encabezada por Seixo, con 8 membros na Executiva Confederal; en segundo lugar a encabezada por Francisco Cartelle, 2 representantes; en terceiro e cuarto lugar Manuel Currás e Anxo Pérez con 1 posto cada un. Con eses resultados a Executiva Confederal queda conformada do seguinte xeito:
Suso Seixo, Elvira Patiño Ogea, Antonio López Rivera, Ramiro Oubiña Parracho, Margarida Curral Sánchez, Francisco Miranda Vigo, Anxo García Torres, Antolín Alcántara Álvarez, Francisco Xabier Cartelle Pérez, Laura Bugallo Sánchez, Manuel Currás Meira e Anxo Pérez Carballo.
Resulta moi interesante, entre outros, a aprobación do relatorio de Acción Sindical que, como publica a CIG, recolle as liñas estratéxicas e de actuación do sindicato nacionalista. O documento analiza a situación socioeconómica e laboral de Galiza no actual contexto de crise económica mundial e conclúe co compromiso da central sindical de pular por un novo modelo socioeconómico contraposto ao actual modelo capitalista neoliberal. Ademais, asume a necesidade de manter a loita sindical, política e ideolóxica a todos os niveis e loitar pola soberanía nacional, como parte do movemento nacionalista.