O sindicalismo: actividade con perigo, en Colombia de morte
Publicado en Mundo o 11/06/2009 01:29 por Xosé Antón
Cando os grandes medios informativos oligárquicos comentan os conflitos laborais, soen terxiversar a
realidade, chegando a culpabilizar aos movementos sindicais de ríxidos, nada dialogantes ou até moi violentos. As fotos semellan ser rebuscadas coa intención de que, cunha soa imaxe, o lector se faga unha composición da situación bastante trabucada. E se esas mesmas plataformas mediáticas falan mal da situación dalgún país de América do Sur soen adoptar como diana a Venezuela e a Revolución Bolivariana do goberno de Hugo Chávez. Xa se sabe cal é a razón, non pode haber nada positivo dun goberno claramente de esquerdas que traballa para o pobo e co pobo nun proceso de transformación social que beneficia ás maiorías sociais.
Eses mesmos medios, plataformas mediáticas calan ou modifican ao seu antollo a realidade a un nivel que, coa súa influencia, poden danar a saúde mental das persoas receptoras da “información”, segundo afirman varios especialistas. Atácase a Venezuela e cálase, por poñer un exemplo, o que ocorre en Colombia.
Porén,un informe da Confederación Sindical Internacional (CSI) revelou este mércores que durante o 2008 foron asasinados 76 sindicalistas en todo o mundo, 46 desas mortes ocorreron en Colombia, situación que sitúa a ese país como o máis perigoso para desenvolver calquera actividade gremial ou sindical.
De acordo cos datos que revela o estudo, en Colombia morreron dez sindicalistas máis que no ano anterior, a pesar de que en todo o mundo o número total de mortes diminuíu respecto de 2007, cando se rexistraron 91 asasinatos. Pese ao alto número de mortes de sindicalistas colombianos, a CSI sinala que a violencia contra as organizacións de traballadores e os seus membros queda “impune”, como consecuencia dunhas “sentenzas condenatorias ínfimas”.
Nese senso Colombia é considerado o país máis perigoso para a actividade sindical, “a pesar das “garantías” de mellora da situación dadas polo goberno do presidente Álvaro Uribe”, expresa o informe. O goberno de Uribe é bastante coñecido no entorno polo seu empeño de limitar as liberdades, pola vista gorda coa violencia paramilitar e saber bucear moi ben na lama da narcopolítica.
A CSI denuncia ademais “miles de despedimentos e arrestos” de sindicalistas nos 143 países estudados. Guatemala situouse como o segundo país con máis sindicalistas asasinados, cun total de 9 vítimas mortais, o que converte a Latinoamérica na rexión do mundo onde é máis perigoso exercer os dereitos sindicais.
O informe alerta especialmente sobre a situación que atravesa Guatemala, pois os actos de violencia contra os sindicalistas no seu territorio son “permanentes.
O documento engade que a situación das Zonas Francas Industriais (ZFI) empeorou durante 2008, xa que as empresas negaron os dereitos laborais e sindicais, especialmente en Costa Rica, O Salvador, Guatemala e Honduras.
Como exemplo, sostén que as compañías chegan a “ofrecer incentivos económicos para lograr a desafiliación e debilitar aos sindicatos”.
Ademais a CSI denuncia que en certos países practícase a firma de “contratos curtos” co fin de dificultar a afiliación dos traballadores. De contratos curtos e presión laboral tamén temos sobrada experiencia na Galiza
En relación ao impacto da crise económica e financeira a Confederación Sindical Internacional ” lamenta a repercusión que tivo sobre os dereitos laborais e sindicais dos traballadores, xa que viron empeorar as súas condicións”. Por outra banda, un total de sete mil 500 persoas vinculadas a actividades sindicais foron despedidas en 68 países diferentes.