O ALBA esperta a Suramérica
Publicado en Mundo o 25/06/2009 21:14 por Xosé AntónA Alternativa Bolivariana para los Pueblos de nuestra América (ALBA) pasará a chamarse Alianza en lugar de
Alternativa por decisión dos países integrantes, nun cumio extraordinario celebrado en Venezuela, segundo información publicada pola axencia estatal cubana, Prensa Latina. ALBA xurdiu como alternativa á promovida por Estados Unidos de América, Área de Libre Comercio de las Américas (ALCA) .
O ALBA é unha iniciativa de integración para os países de América Latina e o Caribe, promovida por Venezuela, que busca a unión a través un mecanismo económico, político e social. Grazas a este mecanismo de cooperación – que ten como principios reitores a xustiza, a solidariedade, a cooperación, o respecto á soberanía e autodeterminación dos pobos con énfase no desenvolvemento humano e social, ademais do político e económico – este mundo do ALBA sostense na vontade común de avanzar no desenvolvemento equitativo dos pobos suramericanos e caribeños, desde o respecto a identidade, á súa cultura e esencia de pobo.
Co ALCA a pobreza e a miseria estendéronse por todo o hemisferio suramericano. O control hexemónico que durante décadas mantivera EE.UU. sobre países latinoamericanos, e as políticas neoliberais impostas por Washington mediante o Fondo Monetario Internacional (FMI), o Banco Mundial (BM) e o Banco Interamericano de Desenvolvemento (BID) foron causas fundamentais do saqueo das riquezas da rexión en detrimento das maiorías sociais. Por iso os gobernos progresistas da área visualizaron a necesidade de integrarse para sacar aos seus países da deprimente situación social á que se chegou.
A agrupación medrou e converteuse nunha verdadeira alianza para a integración e a cooperación. O recente cumio extraordinario do Alba, integrado por Venezuela, Cuba, Bolivia, Nicaragua, Honduras e Dominica, serviu de escenario para recibir o ingreso de tres novos países neste importante mecanismo de integración rexional: Ecuador, San Vicente y las Granadinas e Antigua y Barbuda.
A recente integración da República de Ecuador no ALBA confirma a relevante importancia que adquire ese organismo de unión rexional. A paso lento, pero sen pausa , fóronse unindo nacións de América Latina a ese organismo integrador que conta agora con oito membros. O presidente do Ecuador, Rafael Correa, indicou que a crise mundial é a oportunidade para lograr maior presenza na nova arquitectura financeira internacional, que se promove para beneficio dos pobos. Ademais, afirmou, que coa incorporación ao Alba, proponse unha frutífera relación hemisférica, baseada no respecto mutuo e no diálogo simétrico e franco. Aseverou, que é necesario negociar tratados que garantan as industrias nacentes, o comercio xusto, a inserción de novos actores sociais, o control das transnacionais e o dereito á saúde dos nosos pobos.
A primeira referencia a este grupo (ALBA) xurdiu durante a III Cume de xefes de Estado e Goberno da Asociación de Estados do Caribe, efectuada en decembro de 2.001 cando o presidente da República Bolivariana de Venezuela, Hugo Chávez, falou sobre un proxecto que unise ás nacións da rexión cunha nova vontade política, económica e social.
Tres anos máis tarde, en 2004, durante un encontro na Habana, Chávez e o ex -presidente cubano Fidel Castro asinaron os documentos da fundación do ALBA baixo o concepto de integración para o desenvolvemento independente de América Latina e o Caribe, onde primase a colaboración e a solidariedade entre os seus pobos.
Bolivia adheriuse en abril de 2006, Nicaragua en abril de 2.007, Dominica en xaneiro de 2.008, Honduras en agosto de 2.008 e San Vicente y las Granadinas en abril de 2.009. Coa inclusión de Ecuador, o acordo involucra a unha poboación de ao redor de 74 millóns de persoas cunha superficie global de 2.536.000 quilómetros cadrados e un Produto Interior Bruto aproximado de 461. 000 millóns de dólares.