Hugo Chávez sálvase doutro intento de asasinato

Neste video, o presidente Venezolano fala de que o atentado foi planificado pola xente de Luís Posada Carriles e a CIA

Ao non funcionar como  se pensaba o plan Jaque al Rey (plan conspirativo que sistematicamente veñen desenvolvendo sectores da oposición golpista en Venezuela e cuxo obxectivo é o debilitamento paulatino do proceso Revolucionario Bolivariano) pensouse en derrubar o avión IL 96 no que viaxaría ao Salvador. Con tempo poderemos explicar o significado real dese primeiro plan que xa contempla unha segunda parte, pois o xaque non conseguiu evolucionar a mate.

 Hai uns días, o mandatario venezolano revelou que suspendeu a visita ao Salvador para a cerimonia oficial da toma de posesión do  presidente Mauricio Funes, ao confirmarse versións  dun plan para derrubar  con foguetes o avión en que viaxaría (cedido pola compañía Cubana de Aviación, xa que o do goberno Bolivariano está a reparar).

 A acción, de acordo coas revelacións aparecidas en medios alternativos venezolanos, foi preparada por golpistas venezolanos (entre eles, un oficial retirado implicado no golpe de estado do 2.002 e que residía no estado español) , servizos de intelixencia estadounidenses e «a xente de Luís Posada Carriles», un terrorista cuxa extradición solicita Venezuela. 

 Quen é Posada Carriles?

Este  criminal, de orixe cubana, é reclamado pola xustiza venezolana pola súa responsabilidade na voadura dun avión civil cubano en 1976 que provocou a morte de 73 persoas de diversas nacionalidades, incluíndo un grupo de deportistas xuvenís cubanos e a tripulación do avión.

A vinculación de Posada Carriles con servizos de intelixencia estadounidenses e terroristas venezolanos non é nova. Desde principios da década dos 60 do século pasado foi instrutor da Axencia Central de Intelixencia (CIA).

En 1967 comezou a traballar, por mandato da CIA, nos corpos represivos venezolanos e foi responsabilizado por torturas e matanzas co pseudónimo de «comisario Basilio» e o alcume de «Bambi».

Tamén coa axuda da CIA e asociados venezolanos escapou dun cárcere no país suramericano para evadir o xuízo pola súa responsabilidade no Crime de Barbados, como se coñece o caso da sabotaxe ao avión cubano en 1976.

Logo dun extenso periplo por Centroamérica, sempre vinculado a accións terroristas, Posada Carriles goza hoxe da protección de Estados Unidos, onde reside a pesar da demanda de extradición venezolana.

 A denuncia de Chávez sobre a actuación conxunta do terrorista cos servizos de intelixencia e golpistas venezolanos revela que, ademais devivir libremente en territorio norteamericano, o criminal segue activo e mantén vixentes o seu vellos vínculos.

 

 

 

Deixa unha resposta