Hoxe volveu Alfonso Daniel Rodríguez Castelao: Galiza é unha Nación


Hoxe cúmprense os 25 anos da tan desexada chegada dos restos de Castelao, mais o xeito da repatriación da esencia propia da nosa nación foi moi polémico. Na retransmisións das imaxes do vídeo comentaba a periodista Tareixa Navaza un escrito, que sería publicado ao día seguinte, do poeta  Uxío Novoneyra (será o homenaxeado das Letras Galegas do ano 2.010): Castelao, Nacionalista Galego. Os restos de Castelao están aí, poderán ser manipulados, como todo,  polo poder. Mais Castelao solo veu realmente  para os que queremos unha Galiza Ceive, para os que temos sólo unha patria: a Patria Galega, para os que nos sabemos  e sentimos pertencentes  a unha nación , á  Nación Galega…

Os culpábeis do seu exilio querían facerlle unhas hipócritas honras das que non crían, eliminando aos partidos da nosa terra dos actos. Iso non impediu que milleiros de nacionalistas estiveran presentes, a pesar da maquinaria policial represora despregada. Cun Galiza ceive, poder popular! no bico aplaudían a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao na súa entrada no Panteón dos Galegos Ilustres, no convento de San Domingos de Bonaval. Anteriormente a policía de españa cargara contra os nacionalistas presentes que incansablemente berraban: a Castelao non se traizoa!


Ese 28 de xuño de 1984, que debería ser un acontecemento nacional rematou sendo un desastre por culpa dun goberno conservador que non permitiu participar ás institucións coas que colaborou Castelao en vida nin a todas as forzas políticas nacionais. Hai dous anos explicaba nunha entrevista o dirixente do BNG, Francisco Rodríguez, a traída dos restos mortais de Castelao. Lembraba que houbo un conflito grave, porque os seus restos foron transportados nunhas condicións indignas, e expulsouse do parlamento varios deputados nacionalistas por protestar. Eses sucesos tiveron unha contestación moi forte, que levou a varias detencións e represión sobre certas persoas, entre as cales se atopaba el. Noutra entrevista, Avelino Pousa Antelo lembra que o goberno de Fraga usou o nome do histórico galeguista para darlle medallas á xente que tiña insultado en vida ao propio Castelao.

 

Deixa unha resposta