A consulta trampa e a cultura que limita
Publicado en Galiza o 09/06/2009 20:47 por Xosé Antón
Coincidimos moitos galegos e galegas co Portavoz Municipal do BNG, Guillerme Vázquez, cando
afirma que a consulta sobre o idioma no ensino é unha consulta trampa inaceptábel, tanto na forma como no fondo e o único que pretende é xustificar unha política plantexada de antemán polo PP. Só pretenden seguir dando pasos atrás na política contraria á normalización lingüística. É un auténtico disparate.
A cruzada contra o galego é así de clara desde que Feijóo levantou a bandeira do odio contra a nosa lingua. Calquera persoa pode ver que o PP está na máxima disposición de discriminar o galego, pódense visualizar sen ningunha dificultade varios exemplos. Un deles pode ser o do conselleiro de Cultura, Roberto Varela, cando denigra a Cultura Galega ao reafirmar de xeito indigno no Parlamento Galego as súas palabras “ a cultura galega está ben, pero limita«. Ou a eliminación da música galega dos programas musicais da Radio Galega. Outro exemplo que amosa o que tan pouco lle importa a este goberno anti-galego (que tamén mantén paralizado o sector audiovisual e as artes escénicas, como denunciou a Asociación de Actores e Actrices de Galiza -AAAG), é a reforma por trámite de urxencia da Lei de Función Pública para que non sexa obrigatorio un exame de galego para traballar na Xunta. Así teremos na administración galega auténticos analfabetos funcionais en galego, como lle ocorre a varios conselleiros ou deputados do PP no Parlamento de Galiza. Dese xeito, elimínannos aos administrados o dereito elemental a ser atendidos en galego. Resulta obvio que o que está a facer o PP desde o (des)goberno galego é o maior e máis brutal ataque ao sinal máis visíbel de identidade galega. Os “apartheids” neste caso lingüísticos forman parte de accións racistas alimentados por grupos ou sectores ultradereitistas que as galegas e galegos debemos rexeitar, se queremos ser unha sociedade con boa saúde mental.