A Política de terra queimada do PP e o seu impacto negativo nos concellos. O caso da Laracha
Posted in A Costa da Morte on 06/11/2009 07:06 p.m. by Xosé AntónCon motivo da reunión mantida por membros do goberno municipal da Laracha con responsábeis de
SEA (Solo Empresarial do Atlántico, sociedade pública que xestiona o Parque Industrial da Laracha) convídovos a ler un interesante e acertado artigo publicado na web do BNG da Laracha que fala do retraso que se produciu na construción do Parque Empresarial da Laracha e da responsabilidade do Partido Popular niso. Lembremos que con ese partido no goberno da Xunta de Galiza non se dera nin un só paso para a súa consecución, unicamente se falaba dun virtual plan Galicia publicado de xeito continuado na súa fiel plataforma mediática, pero sen compromiso orzamentario algún.
Aclárase no artigo que foi coa entrada do BNG no goberno da Xunta de Galiza, a partir do mes de xullo de 2005, cando a Conselleira nacionalista de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, comezou a traballar no asunto, e impulsou un acordo co empresario propietario da maior parte dos terreos, para que ao fin este proxecto puidese ser unha realidade en mans públicas.
Certo é que a administración ten uns trámites que son lentos, pero para que as cousas avanzasen había que dar pasos, e os únicos pasos comezaron a darse co BNG no Bipartito, mantendo o PP unha desleal actitude obstrucionista. E agora, co Partido Popular no goberno da Xunta, movimentos cara a galería e prensa, moita prensa. Mais, se os pasos están dados (tamén orzamentado e todo segue o camiño deseñado) o que debería preguntarlle o concello da Laracha a esta nova Xunta é se vai anular o centro de día- Residencia da Laracha que proxectou Vicepresidencia da Xunta de Galiza, xa que non volvemos saber máis nada del co novo goberno (anti)galego.
O caso da Laracha pode ser un caso máis na política de todo vale dos TUCSIM que, segundo denunciou a FEGAMP, xa reduciron un 10% as axudas aos concellos.
Ligazón ao artigo
