Un BNG fortalecido despois dunha decisiva Asemblea
Publicado en Galiza o 11/05/2009 01:05 por Xosé Antón
Guillerme Vázquez novo Portavoz Nacional
Co 55% dos votos Guillerme Vázquez foi elixido Portavoz Nacional do BNG. No seu discurso de peche de asemblea subliñou que desta asemblea sae un BNG máis fortalecido e que na fronte nacionalista non sobra ninguén.
Guillerme Vázquez fixo un chamamento a todos os militantes a traballar unidos para que o nacionalismo se converta na alternativa ao PP. Puxo ao BNG de exemplo de democracia interna, como a que se viviu na asemblea extraordinaria, a máis participativa da historia do BNG: “a sociedade quérenos ver así, unidos e operantes, todos sen exclusións» e “a militancia ten que ser a protagonista da acción política do BNG».
Tamén falou das vindeiras eleccións europeas do 7 de xuño, lembrando que só cando o BNG está presente os intereses de Galiza están defendidos. Con respecto ás políticas lingüísticas do PP dixo que o BNG non vai quedar impasible, así a vindeira semana (domingo 17 de maio) estará presente na manifestación convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística.
Nova Executiva Nacional do BNG
A Alternativa pola Unidade de Guillerme Vázquez sumou 1.189 votos e 8 representantes na nova Executiva da fronte nacionalista co 55% dos sufraxios na Asemblea Nacional do BNG (un deles é Rafa Villar, do Movemento Galego ao Socialismo, que se integrou na lista da Alternativa).
Máis BNG conseguiu 7representantes. A lista encabezada por Carlos Aymerich chegou ao 44% dos votos con 969 sufraxios.
A executiva queda conformada polas seguintes persoas:
1.Guillerme Vázquez Vázquez
2.Ana Belén Pontón Mondelo
3.Francisco Xesús Jorquera Caselas
4.Rosana Pérez Fernández
5.Francisco Rodríguez Sánchez
6.Montserrat Prado Cores
7.Rafael Vilar González
8.Francisco García Suárez
9.Carlos Ignacio Aymerich Cano
10.Teresa Táboas Veleiro
11.Manuel Antelo Pazos
12.María Xosé Méndez Piñeiro
13.Xoán Carlos Bascuas Jardón
14.Ana Luísa Bouza Santiago
15.Gonzalo Constenla Bergueiro
Novo Consello Nacional do BNG.
Unha vez realizado o escrutinio, os resultados son os seguintes por orde de maior a menor número de votos:
-Alternativa pola Unidade: 1101 votos, 45,29%, 23 representantes no Consello Nacional
-Máis BNG: 895 votos, 36,82% do total, e 18 representantes no CN
-Lista de Encontro: 359 votos, 14,77%, e 7 representantes no CN
-Máis alá: 76 votos, 3,13% votos e 2 representantes no CN
Aymerich pon o cargo de portavoz parlamentar á disposición da nova Executiva
O actual portavoz do BNG no Parlamento Galego, Carlos Aymerich, chamou a formar unha piña ao redor da nova dirección nacionalista. O líder de ‘Máis BNG’ porá o luns o seu cargo de voceiro parlamentar a disposición da Executiva. «Se algunha ferida había no Bloque, agora está curada, a partir de mañá non hai nin “Alternativa pola Unidade” nin “Máis BNG”. Somos todos BNG e imos traballar no grupo parlamentar, na Executiva e no Consello Nacional para que este proxecto que nos une, que é o proxecto común do BNG, avance e poida retirar ao PP do Goberno en catro anos”
Anxo Quintana, protagonista da xornada de mañá do domingo.
O anterior Portavoz Nacional acudiu ás primeiras votacións, malia a unha enfermidade que o mantén lonxe da primeira liña de acción política. Á súa entrada ao estrado, no que estaban os membros do Consello Nacional, foi recibido polas delegadas e delegados que, nunha acollida calorosa, se puxeron de pé en sinal de apoio mentres o ovacionaban.