TVG: a imposición reuniuse coa traizón para artellar un falso “consenso”, mais quedou ao descuberto.

O presidente da Xunta, nunha resposta a una interpelación, afirmou  que existiron contactos co PSOE, logocrtvgque os socialistas recoñeceron, para pactar entre eles dous un acordo sobre o director da TVG, no que o BNG foi excluído. O portavoz do PSOE no parlamento , Fernández Leiceaga, só admitiu que eran  “conversas preliminares” e nunca un acordo para a designación do director xeral da Televisión de Galiza. Aínda que fose como dixo Leiceaga, calquera se lembra que a promesa electoral era pactalo entre as tres  forzas políticas con representación parlamentar, e non ás agachadas entre o PP e PSOE.

O portavoz do PP dixo que se propuxeron  catro candidatos, todos da órbita conservadora, sen que dende o BNG se puidese valorar eses ou outros candidatos por falla literal de tempo. Como publica A Nosa Terra, Manuel Ruíz Rivas, comunicoulle a Carlos Aymerich a lista de nomes, pero advertíndolle que o elixido iría ao día seguinte, xoves,  ao Consello da Xunta para a súa aprobación sen pasar previamente polo Parlamento Galego e que sería Alfonso Sánchez Izquierdo, pois contaba xa co apoio do PSOE. Respaldo que, segundo o Partido Socialista,  non  se corresponde coa realidade.

Do ocorrido podemos sacar varias conclusións:

- O PP vai seguir durante os catro anos da lexislatura incumprindo as súas promesas electorais, e sobre todo no ámbito da información, na súa meirande  maioría son medios de ideoloxía liberal -conservadora. A razón da actitude de Feijóo é clara: realizou demasiadas promesas cando non é capaz de cumprir nin  a primeira, agás unha que a maioría da sociedade non lle aproba: a discriminación do galego. O chamado “consenso” é realmente unha dura imposición ultraconservadora. Para tapar a realidade, a incompentencia e falla de transparencia na xestión, necesita de medios de (in)comunicación que agachen o lixo debaixo da alfombra.

-A falla de credibilidade de Feijóo vai á par da falla do peso específico do número 1 do PSOE na Galiza, Patxi Vázquez. Pódese crer nunha persoa que ás primeiras de cambio pacta co PP para achegarse a un candidato proposto polos populares, aínda que fosen só conversas preliminares, cando se tenta discriminar a unha forza política  nacionalista integrante do Parlamento Galego?

- Nun artigo anterior comentaba a dificultade de acertar en política, poñendo o exemplo de  Patxi López en Euskadi. Pois ao outro Patxi socialista, este galego,  Vazquez , cando teña que tomar tamén decisións, que  poña nun lado da balanza o máis importante: a dignidade; na parte contraria   o desexo avaricioso do poder, de control – aínda que cativo – e o interese dun  partido desnortado  e saberá se a decisión é  correcta ou non. Pois con esas traizóns percorre un camiño perigoso de monicreque manexado polos fíos dun PP qe tentará que rompan os bipartitos municipais coa axuda da súa plataforma mediática. Xa se viu neste caso e na manifestación na defensa do galego en Compostela, a ver cando se repite outra vez, se cadra axiña vai servirlle  outra vez o PSde Gde cabalo de troia da política trasnoitada do PP.

- Acertou Aymerich cando lembrou que para o BNG o que cómpre é mudar a Lei da CRTVG, con dous obxectivos: que o nomeamento se produza por maioría cualificada  da Cámara e tamén para garantir outros principios que se lle presupoñen a unha televisión pública e que os diferentes gobernos do PP non sempre respeitaron, como os dereitos ao acceso, a pluralidade, etc.

Para o voceiro parlamentar do BNG, o nome de Sánchez Izquierdo, obviamente, merece todo o respeto pero insistiu en que será o “director da tele do PP”, nomeado directamente por Núñez Feijóo sen participación algunha do BNG como unha das tres forzas poíticas da cámara galega.

 - O BNG debe sacar unha lectura clara do ocorrido, tanto do comportamento do PP como do PSOE.  E tamén, xa o visualizaba hai bastante tempo e con crareza o Portavoz Nacional do BNG, Guillerme Vázquez, o BNG, como forza nacionalista de esquerdas,  debe dar mensaxes propias, diferentes ás doutras forzas políticas para  afrontar as dificultades  actuais. En caso contrario, nunca chegará a ser alternativa de goberno que o noso País necesita, porque  xa están as outras forzas españolistas dispostas a chegar aos seus acordos particulares nunha actitude que en nada benefician os intereses das galegas e galegos.  Esos outros está ao que están, Galiza impórtalles pouco, consideran prioritario os intereses particulares partidistas como quedou ao descuberto e, se fai falla, malo será que non haxa posibilidades de “consenso” entre partidos españois. O PSOE, só vai chegar a acordos en interese de Galiza se os seus intereses en Madrid perigan. O PP tamén sabe que canta máis tensión exista entre os tres partidos mellor vive, por iso xoga dese xeito, en río revolto…

-Outras moitas conclusións poderían apuntarse, mais seguimos mañá coa nova xeración TUCSIM do PP que trouxo  de novo a incompetencia ao goberno da Xunta de Galiza.

 

 

 

 

Deixa unha resposta