O goberno tardofranquista da Xunta de Galiza, responde con “apartheids lingüísticos” á maior manifestación pola defensa do galego da historia
Publicado en Galiza o 20/05/2009 01:56 por Xosé Antón
Feijóo, o mesmo que levantou no seu día a bandeira do odio contra a nosa lingua, preside un goberno
da Xunta que, como dixo Guillerme Vázquez, responde á multitudinaria manifestación en defensa do idioma do 17 de maio coa separación do alumnado en función da lingua, creando ‘apartheids lingüísticos’, e coa “vía da prepotencia” co anuncio da derrogación do actual decreto do galego.
Avogou o Portavoz nacional do BNG por «recuperar o consenso que rompeu o PP antes e despois» do 1 de marzo e recomendou á Xunta que non se pode facer unha política baseada nos sectores máis extremistas do electorado
O presidente da Mesa, Carlos Callón, que viña de celebrar unha reunión con Guillerme Vázquez, lembrou que o galego une e Feijóo, lamentabelmente separa e acusou ao PPdeG de «romper o consenso lingüístico» e de «levantar a bandeira do odio respecto ao noso propio idioma».
Tamén, nun comunicado, a portavoz de Educación do Grupo Parlamentario do BNG, Carme Adán, instou ao PP a aclarar cal é o seu modelo educativo e expresou o seu profundo rexeitamento á posibilidade de segregar aos alumnos en función do idioma, unha actuación que cualificou de «aberración pedagóxica«.
A deputada nacionalista criticou ao conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, por abrir esa posibilidade, formulada logo de meses nos que, ao seu xuízo, os populares evidenciaron que carecen de modelo educativo así como dunha solución para un conflito lingüístico inexistente, creado artificiosamente por sectores próximos á nova Xunta.
Do mesmo xeito, o secretario nacional de CIG Ensino, Anxo Louzao, que estivo nunha reunión co conselleiro de Educación, Jesús Vázquez falou da situación de segregación á que queren levar os do PP ao galego. Despois do encontro, Louzao considerou “sumamente preocupante” a actitude de Educación en relación ao decreto.
“Están instalados na cerrazón de querer suprimilo a pesar de que na manifestación de Santiago os galegos mostraron unha actitude favorable a que o idioma galego sexa vehicular no ensino”, explicou Louzao, quen lamentou que Educación “non estea en disposición de escoitalos”. “Se non hai cambio, daremos a batalla”.
Mentres o PP segue nese galope desbocado contra o idioma e a cultura galega, o Congreso aproba a resolución do BNG sobre o galego na que o Bloque Nacionalista Galego lle pide ao Goberno central que incorpore o galego e o resto de linguas cooficiais nos órganos xudiciais, na administración de xustiza e nas Cortes.
Tempo ao tempo, pois o PP vai ter que tomar nota do acontecido o 17 de maio en Compostela, pois, e aínda que se empeñe, tampouco vai ser capaz de acabar definitivamente co galego, como idioma propio do noso país.