Guillerme Vázquez e Ana Miranda en Carballo: Nós só queremos que nos permitan producir en igualdade de condicións.
Publicado en A Costa da Morte o 30/05/2009 23:04 por Xosé Antón
O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, participou esta mañá en Carballo nun mitin no que
tamén interviron a candidata nacionalista ás eleccións europeas, Ana Miranda, e o alcalde da capital de Bergantiños, Evencio Ferrero.
O Portavoz Nacional do BNG avogou por defender os dereitos da clase traballadora e dos pobos fronte a un Mayor Oreja, representante da elite oligarquica e alineado coa ala máis dura da Igrexa, que minimiza os abusos sexuais a menores. Guillerme Vázquez asegurou que o BNG quere unha sociedade libre e non “ayatólica”.
Ana Miranda afirmou que o BNG en Europa, igual que nas institucións nas que estea representado, defenderá sempre os intereses de Galiza, pois a única formación política que se presenta ás eleccións europeas marcando a súa axenda desde Galiza é o BNG.
O BNG presenta un programa definido para defender no parlamento europeo os intereses da sociedade galega.
A número un do BNG ás eleccións europeas, Ana Miranda, defendeu na súa intervención matinal que “mentres PP e PSOE andan enleados nas súas trifulcas, de quen viaxa en avión ou a quen lle dan traxes gratis o BNG presenta un programa definido para defender no parlamento europeo os intereses da sociedade galega.
Votar BNG é votar Galiza e a defensa dos nosos intereses, afirmou Ana Miranda, ao tempo que defendeu que o BNG estará alí “coa nosa propia voz” e advertíu de que nin os eurodeputados do PP nin os do PSOE van votar en Bruxelas en contra das propostas que lles veñen marcadas desde Madrid e o BNG marca a súa axenda desde Galiza.
O líder do Bloque criticou as afirmación do candidato popular, Jaime Mayor Oreja, sobre o aborto e minimizando os abusos sexuais a menores por parte de sacerdotes católicos. O líder do BNG apuntou que nas últimas horas algúns líderes do PP teñen restado importancia ás declaracións do candidato conservador e emprazou ao líder popular “a que aclare se comparte estas afirmacións do seu candidato”.
As normas aprobadas por PP e PSOE que son as que nos impiden producir. Nós só queremos regras iguais, as mesmas condicións que nos permitan producir.
Vázquez reclamou no Pazo da Cultura de Carballo un novo modelo de Europa no que non teñan cabida “as normas aprobadas por PP e PSOE que son as que nos impiden producir. Nós só queremos regras iguais, as mesmas condicións que nos permitan producir”.Temos dereito a buscar un modelo económico que cree traballo”, reivindicou o líder do BNG, ao tempo que se perguntou “por que temos que dar por bo un modelo que avanza na restrición dos dereitos sociais e dos traballadores?”
A solución para a sanidade galega non é expulsar aos médicos galegos para que veñan doutras comunidades
Vázquez falou do que bautizou como “método Feijóo de normalización” que se manifestou nos últimos días na súa proposta de eliminar a proba de galego nos exames para médicos da sanidade pública co que, tal e como explicou, o que conseguirá será “a cuadratura do círculo, porque os médicos galegos emigran a Portugal e agora traerán aos médicos andaluces ou cataláns”.
Ironizou coa solución que o PP quer dar aos problemas da sanidade e asegurou que, dende a súa chegada ao goberno, o PP “foise dedicando ao bacheo”, a poñer parches en lugar de solucionar problemas e, neste sentido, ironizou con que “cando os médicos falen español haberá un despegue da sanidade”.
Vázquez advertíu de que “baixo apariencia tecnocrática, escóndese un PP dos máis duros, un partido de FAES. Baixo esa apariencia de técnico, ao que aspira é a proxectarse a nivel estatal, cara esa España cavernícola, de Mayor Oreja e Aznar”.