Fernando Blanco en Malpica: Galiza necesita ter representación propia no Parlamento Europeo.
Publicado en A Costa da Morte o 30/05/2009 01:54 por Xosé AntónO deputado e ex conselleiro de Innovación e Industria do anterior goberno da Xunta, Fernando Blanco,
falou en Malpica da necesidade votar nestas eleccións europeas en clave de defensa dos intereses de Galiza, pois estas eleccións celébranse nun contexto de crise económica nunha Europa dos mercaderes que amosa un claro afán monetarista da minoría oligárquica, das grandes corporacións que degradan o estado de benestar, afectándolle clara e negativamente ás clases traballadoras, aos autónomos e ao pequeño e mediano empresariado como o galego.
Exemplos claros disto témolo, entre outros, no sector lácteo, na política agraria e gandeira, na pesca, na construción naval, no desregulamento laboral… Que Galiza teña representación política propia no Parlamento Europeo e noutras institucións, é irrenunciable para o nacionalismo galego e beneficioso para o conxunto da sociedade galega. O BNG defende unha política europea que aposte por un cambio de rumbo para reconducir a UE cara unha verdadeira Europa Social e dos Pobos que nos permita avanzar tamén na procura dun desenvolvemento económico autocentrado e sustentábel. Ao final do acto o deputado nacionalista convidounos a ler o programa electoral do BNG xa que unha sociedade ben informada é unha sociedade do coñecemento.