Ás portas da Asemblea Nacional Extraordinaria máis decisiva do BNG
Publicado en Galiza o 09/05/2009 19:14 por Xosé AntónAs candidaturas presentadas para a Asemblea Nacional Extraordinaria máis decisiva destes últimos
anos no BNG, que se celebra mañá, son as de Alternativa pola Unidade do BNG (APU), que lidera Guillerme Vázquez; Máis BNG, encabezada por Carlos Aymerich; Lista de Encontro, que representa Xosé Manuel Beiras; e Máis Alá, con Rafael Vilar de número 1.
Precisamente hoxe sae publicada en Xornal.com unha entrevista a Guillerme Vázquez onde sinala que O BNG enfronta unha asemblea histórica e decisiva en dous ámbitos: o organizativo e o político.
Guillerme subliña que a organización precisa un certo revolcón, un cambio nas formas e nos modos de traballar, onde a dirección ten que ser máis compartida e con menos hiperliderado. O BNG, como forza transformadora de acción social, necesita líderes, pero tamén unha dirección colectiva, máis contacto coa base e seguir definindo cales son os mínimos comúns denominadores que rexen o Bloque Nacionalista Galego.
Na entrevista clarifica que no BNG caben moitas correntes pero o que non caben son as posicións antagónicas. Que dentro da organización se discuta canto se queira, pero cara fóra hai que falar cunha mensaxe definida e unida do BNG como forza política nacionalista de esquerdas que é.