Alternativa pola Unidade reafirma na Costa da Morte a súa aposta por unha Asemblea Nacional de unidade e un BNG frentista
Publicado en A Costa da Morte o 07/05/2009 01:40 por Xosé Antón
Onte pola noite (mércores 6 de maio) visitounos Guillerme Vázquez para explicarnos que a Alternativa
pola Unidade aposta por que a Asemblea Nacional Extraordinaria do vindeiro domingo sexa unha Asemblea Nacional de unidade e non de confrontación. Desde sempre- subliñou- apostamos con clareza por conseguir un BNG unido e con capacidade de actuación social. A militancia nacionalista e sociedade galega agarda de nós que actuemos unidos. Se esa unidade non se conseguise por arriba conseguiríase pola base.
A Alternativa pola Unidade pretende unha dirección do BNG frentista na que estean representadas todas as sensibilidades, como produto dun diálogo multilateral e sen exclusións. Non avala, lembrou Guillerme Vázquez, unha Asemblea Nacional constituída como unha confrontación entre maiorías e minorías, con goberno e oposición. Esa dinámica non é propia dunha organización democrática e plural como a do BNG, e desde logo esa dinámica non ten nada que ver co voto expresado con absoluta clareza pola militancia do BNG o pasado 18 de Abril.
Guillerme Vázquez explicou que a Alternativa pola Unidade considera necesario un BNG máis nacionalista e máis de esquerdas, unha organización máis democrática, con menos peso unipersoal e cunha dirección máis colexiada . Un traballo colectivo que reflicte un modelo moi distante de calquera hiperliderazgo. O modelo da concentración do poder nunha soa persoa xa se experimentou e non obtivo o respaldo social que se pretendía, algo que xa se sabía.
A Alternativa pola Unidade quere que a portavocía nacional se dedique en exclusiva ao BNG e ao traballo social e agarda que neste proceso asembleario saia un Bloque más forte e máis unido, tanto no ámbito político como organizativo. Unha organización do século XXI para a sociedade galega.