A Xeración TUCSIM no goberno da Xunta de Galiza

No estado español tense falado moito da xeración JASP como máis preparada da historia dese pais.xeracion-tucsim Na Galiza sería a xeración NASP -Novos Aínda que Sobradamente Preparados- pois  tiñan estudos universitarios e sabían idiomas, aínda que as distintas circunstancias impedíanlles chegar onde pensaban (traballo, vivenda propia,  estabilidade…) tendo en conta a súa formación. Decatáronse de que o futuro non estaba, nesas circunstancias, onde crían.

 Por iso a anterior administración galega consideraba necesario encontrar unha solución que lles permitise acadar unha verdadeira integración social. As políticas do anterior goberno Bipartito na Xunta de Galiza buscaban unha resposta a unha das máximas preocupacións dos cidadáns, entre elas o da xeración NASP: o acceso a un posto de traballo e a unha vivenda digna a prezos razoables, menores aos do mercado. Agardábase construír  45.000 novas vivendas protexidas até o 2.017. Esta política da consellaría de Vivenda formaba parte dunha política integral de cambio e innovadora das consellarías nacionalistas que colocaba a Galiza á vangarda do Estado para producir no noso país un desenvolvemento socioeconómico sustentábel. Nesta política transversal (da que se ten falado moito, e atacado duramente pola plataforma oligarquica-mediática do PP) destacaban as consellarías de Innovación e Industria, Medio Rural, Cultura e Vicepresidencia do anterior goberno da Xunta. Tratábase de acadar un obxectivo xusto que contemplase, entre outros, a creación de emprego estable, servizos sociais de calidade e un incremento da autoestima das galegas e galegos.

O apoio da famosa plataforma mediática, participando na campaña máis suxa da historia da democracia contra o nacionalismo, levou ao PP ao goberno da Xunta que, cunha política contraria aos intereses das maiorías sociais, apagou o Sol.

Dese xeito, chegou unha xeración de políticos grises a San Caetano que truncou a etapa bipartita (liderada polas políticas transformadoras do BNG) máis prometedora e con capacidade de construír a Galiza do futuro. Esa xeración de políticos do PP (sen proxecto de país) constitúen unha verdadeira brigada de demolición de políticas progresistas. A esa xeración de políticos demagogos no actual (des)goberno da Xunta chámolles  xeración TUCSIM: Trapalleiros, Ultra Conservadores, Sin Ideas, sen  proxectos de goberno para o noso país e Mintireiros.

Ese nome ten varias razóns que podemos enumerar, mais seguro que a lectora ou lector,se chegou a este parágrafo, pode engadir máis.

Feijóo, que durante a campaña dicía saber como acabar en poucos días(45) coa crise, actualmente só se dedica  a criticar as políticas do anterior bipartito, bótalle a culpa da incapacidade política conservadora a un “burato” económico en facenda, semellando como se o actual goberno da Xunta seguise en campaña electoral, pero non é capaz de poñer  ningunha medida sobre a mesa por non ter un proxecto de goberno serio para o país. Ameaza, como ben dixeron dende o BNG, con actuar no Goberno como unha «brigada de demolición» de políticas públicas, desmantelar o sistema de servizos sociais, derrogar o concurso eólico ou decreto do galego no ensino. Dicía, nunha campaña chea de demagoxia e  levada da man da plataforma mediática conservadora, que ía usar como coche oficial un feito en Vigo e mentiu descaradamente. E para cando a supresión das peaxes? Era unha brincadeira, seica. E agora o Banco de Terras (Bantegal) non é tan malo…Cantidade de obras que ía rematar nun pechar e abrir de ollos está esquecido. E o tema do leite, en que quedou a solución inmediata? E a aprobación do director da TVG por consenso no Parlamento Galego? E o suposto aforro no prometido Plan de Austeridade da nova Xunta semella que non é tal como pintaba o PP pois, segundo comenta na prensa, as superdelegacións poderían custar máis de 6 millóns de euros e non se dá presentado, como subliñou o deputado do BNG e anterior conselleiro de Industria,Fernando Blanco. Blanco engadiu que  os delegados levan dous choferes, seis asesores…e a ver como medra o gasto. O único burato está na escasa credibilidade do presidente da Xunta e do seu equipo

O PP, nada máis constituír o actual goberno da Xunta de Galiza, incumpre a lei de a Lei de Igualdade no Consello da Xunta. O PP lánzalle á cidadanía a mensaxe de que se trata dunha cuestión menor, cando a Lei 2/2007 establece que na composición da Xunta deberá respectarse o principio de equilibrio de xénero.

Tamén semellan complicárselles xudicialmente as cousas ao PP, pois segundo se publica na prensa, ademais da trama Gürtel que salpica a un alto cargo do PPdeG, fálase da presentación dunha querela contra o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, por supostamente certificar, canto era director de infraestruturas da Deputación de Pontevedra, unha obra sen que a mesma se executase, unha irregularidade que os socialistas consideran non debe quedar “impune”. Non é –Hernández– un concelleiro calquera dun pobo de tres mil habitantes, senón o Conselleiro estrela do novo Goberno da Xunta e a súa obriga é ter unha conduta exemplar”, aseverou o coordinador provincial do PSdeG en Pontevedra, Modesto Pose.

O ‘superdelegado’ da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, declarará este  luns, 25 de maio, xunto con outras tres persoas notificadas, no xulgado de Ribadavia e por primeira vez, en relación a unha denuncia contra eles polos supostos delitos de fraude en subvención europea, estafa, falsidade documental e malversación. As acusacións foron presentadas polo BNG de Arnoia.

 Por outra banda, o BNG esixirá no Parlamento Galego explicacións para que na comisión de Industria se expoñan as razóns dunha adxudicación a dedo (procedemento negociado sen publicidade) de 2.2 millóns de euros a  Microsoft cando dende a Xunta se prometía o software libre para aforrar custos. Segundo Xornal de Galicia o equipo do conselleiro da presidencia, Rueda, asinou a resolución sen informes técnicos ne xurídicos que avalasen a idoneidade do concurso.

 

Queda claro que o PP camiña decididamente nos incumprimentos electorais agás nun tema no que, contrariamente ao que fai, debería buscar consenso : a discriminación do idioma galego. O Partido Popular non só pretende a supresión do galego nos exames de acceso  á Xunta, senón tamén a derrogación do actual decreto do galego, rompendo o consenso das tres forzas políticas integrantes do Parlamento de Galiza. Están instalados na cerrazón de querer suprimilo a pesar de que as galegas  e galegos mostraron unha actitude favorable ao idioma propio de Galiza, manifestándose o 17 de maio coa Mesa contra a discriminación do noso propio idioma que pretende o actual goberno da Xunta. A resposta do goberno conservador é crear “apartheids lingüísticos” na súa ofensiva contra o galego.

Estes exemplos, e outros máis que non se nomean para non alongar aínda maís o artigo, amosan claramente que esta xeración conservadora no goberno da Xunta é unha xeración TUCSIM.

 

Deixa unha resposta