Xunta de Galiza: comezan as ilegalidades
Publicado en Galiza o 22/04/2009 18:30 por Xosé Antón
Non, non estamos a falar da designación de Agustín Hernández como Conselleiro de Obras Públicas e Medio Ambiente, esa persoa que, como lembra a deputada do BNG Ana Pontón, despois de asinar na Xunta contratos millonarios para varias firmas, traballou nestas mesmas firmas semanas despois. Estamos a falar da totalidade do Consello da Xunta de Galiza. Que pensa facer Alberto Núñez Feijóo, como presidente da Xunta de Galiza ante o seu incumprimento da Lei de Igualdade no Traballo?
No seu goberno non se establece o requisito legal de que todos os xéneros estean represe
ntados como mínimo nun 40% no Consello da Xunta. Dos 11 membros do consello, só catro son mulleres, dese xeito, ao incumprir o precepto legal, convértese nun «goberno invalidamente constituído», o que xera unha situación de «inseguridade xurídica» que pode levar a que os actos levados a cabo polo executivo «sexan nulos de pleno dereito». Se o encargado de facer cumprir a lei é o primeiro ignorala mal se comeza o camiño. Lembra Pontón que “a lei de igualdade di que a porcentaxe do sexo menos representado no Consello da Xunta non pode ser menor ao 40%” e, neste caso, dos once membros do Consello da Xunta, só catro son mulleres, isto é o 36,36%.
A Lei 2/2007 establece que na “composición da Xunta deberá respectarse o principio de equilibrio por sexos”. A porcentaxe dese equilibrio pode ser modificado ao comezo de cada lexislatura. Con todo, a propia lei obriga a que, mentres non se fixa a cota, “a porcentaxe do sexo menos representado no Consello da Xunta non pode ser inferior ao 40 por cento.
Lembran dende o Grupo Parlamentar do BNG que o PP sempre estivo en contra da obriga dunha cota, no camiño de alcanzar a igualdade real para as mulleres, en nome da liberdade; ao igual que non queren tampouco cotas mínimas para o galego, tamén en nome desa suposta liberdade.
O BNG pedirá explicacións a Feijóo no Parlamento por incumprir a Lei de Igualdade no Consello da Xunta. Ademais, a viceportavoz do Grupo Parlamentar do BNG, Ana Pontón, cualifica de “moi grave este incumprimento porque o goberno está a lanzar á cidadanía a mensaxe de que se trata dunha cuestión menor”