Unha política trapalleira no futuro goberno de Galiza
Publicado en Galiza o 14/04/2009 18:47 por Xosé Antón
E totalmente acertado o dito polo voceiro parlamentar do BNG cando cualificou o
discurso de investidura do futuro presidente da Xunta, o «popular» Alberto Núñez Feijóo, de «autoritario, conservador e contrario aos intereses do país». Feijóo presentou un discurso sen compromisos, non explicitou ningunha medida e só tratou plans xenéricos. En todo caso, as poucas medidas concretadas son totalmente negativas para o desenvolvemento cultural, social e económico do noso país: revisión do concurso eólico (será preciso que explique a que empresa foránea lle vai dar megavatios) ou a derrogación do decreto do galego no ensino, entre outras. Non é entendíbel tanto discurso de investidura en negativo cando ao goberno conservador entrante deixáronlle unha caixa chea de cartos, menos endebedamento que o anterior e políticas integrais de desenvolvemento socioeconómico deseñadas con sentido ou políticas agrarias e industriais inmediatamente aplicábeis. Ou sexa, Feijóo pretende retornar ao pasado, á política trapalleira que, sen dúbida, será un calco do que o PP fixo nunhas eleccións chea de mentiras e accións infames que apareceron publicadas na súa poderosa plataforma mediática cun claro obxectivo: voltar á Galiza do atraso e controlada por uns poucos oligarcas. Por iso considero o discurso de investidura conservador un inmoral ataque a Galiza. Claro que con esa inmoralidade gañaron as eleccións.