Os criterios políticos no debate democrático do BNG cara o 10 de maio
Publicado en Galiza o 12/04/2009 00:45 por Xosé AntónOs tres colectivos do BNG que se presentarán á Asemblea Nacional do 10 de maio coinciden na
s súas declaracións en tres postulados organizativos internos básicos: Agrandar a militancia, reforzar a organización e democracia participativa. Mais algunha das tres sensibilidades presenta propostas con máis calado político que outras. Queres coñecer algo máis deles?
A Alternativa pola Unidade con lealdade democrática ao BNG
Cunha clara definición, a Alternativa pola Unidade, formada por independentes do BNG e militantes da UPG pretende darlle un forte pulo á unidade do BNG desde o criterio de máxima lealdade, respecto ás regras de xogo e participación activa dentro ( un traballo de reforzo da organización) para actuar fóra na sociedade, de forma que o BNG sexa un instrumento operativo na defensa da alternativa nacionalista.
Este colectivo conformará listas conxuntas para a elección de delegadas e delegados. Unha vez electos procurará consensos amplos na Asemblea Nacional coas candidaturas que sexan leais ao que decida democraticamente o BNG. A Alternativa pola Unidade propón a Guillerme Vázquez como novo Portavoz Nacional e defende que a figura do Portavoz Nacional non coincida coa de portavoz en ningún parlamento.
Os retos «máis importante» nestes momentos para ‘Alternativa pola Unidade’ é garantir a presenza do nacionalismo galego no futuro Parlamento Europeo e prepararse para obter un bo resultado nas eleccións municipais de 2011.
Non ten ningún sentido situar agora como obxectivo prioritario unhas eleccións galegas previstas para 2013. O mellor xeito de chegar a esa cita electoral autonómica «en condicións de incrementar os apoios da sociedade galega» pasa por facer previamente un «traballo de reforzo da organización».
Así mesmo, lembra que na asemblea extraordinaria do próximo 10 de maio non se elixirá o candidato á Presidencia da Xunta e «non cabe, polo tanto, condicionar futuras decisións» que haberá que tomar dentro de dous anos.
Consideran necesario que o Portavoz Nacional exprese específica e claramente a opinión da organización para a sociedade. Debe ter unha adicación plena á dinamización interna e social da mesma, sendo o seu punto de referencia oficial e orgánica. Para coñecer os criterios políticos que configuran a Alternativa pola Unidade recomendan acceder á súa web: www.guillermevazquez.org
O Encontro Irmandiño e o periodo transitorio
A apertura dun período con portavocía nacional transitoria é o camiño sinalado polo Encontro Irmandiño encabezado por Xosé Manuel Beiras. Esta opción concretaríase nun liderado transitorio do propio Beiras para que na seguinte Asemblea Nacional aparecese un novo candidato.
A corrente liderada polo ex voceiro nacional do BNG, Xosé Manuel Beiras, defende que as listas coas que participará na asemblea extraordinaria de maio son «abertas» a toda a militancia e non son franquicia ao servizo de ningún líder.Encontro Irmandiño, critica que o «aparato» do BNG «pretende manterse custe o que custe utilizando regulamentarismos» para continuar á fronte da dirección nacionalista e responsabiliza desta «acción» a «Aymerich e á UPG».
O colectivo Máis BNG busca un cambio necesario
Após a marcha de Anxo Quintana, os quintanistas encabezados por Carlos Aymerich andaban preparando unha alternativa para presentar á Asemblea Nacional do BNG. Recoñecen que se cometeron moitos erros no Goberno Galego, pero tamén moitos acertos, e hai cousas que se deben mudar. Dende a plataforma «Máis BNG» pensan que se debe ampliar a militancia a todos os simpatizantes e votantes do BNG e que son eses homes e mulleres simpatizantes e militantes os que deben decidir o rumbo que se debe seguir nos vindeiros anos, e son eles e elas os que a partires do 10 de maio, co seu traballo, teñen que protagonizar o BNG.
O portavoz parlamentar falou na presentación do colectivo que representa de que hai «moito traballo por diante porque temos ferramentas para facer unha Galiza máis libre, máis xusta e máis próspera, e esa ferramenta é o BNG e estamos dispostos e preparados para que iso sexa verdade».Carlos Aymerich indicou que «o BNG non vai a rachar por ter varias candidaturas, que é de total normalidade e serán os militantes quen decidan cal é o mellor candidato e o mellor modelo para liderar o BNG».
Sobre as posibilidades de que a súa candidatura se alíe coa da UPG, unha vez se chegue á Asemblea, Aymerich dixo que «non sería serio estar especulando», e apostou por agardar ao 10 de maio.