Traballar 65 horas á semana: Atención ao que votades nas eleccións europeas!
Publicado en Galiza o 28/04/2009 22:51 por Xosé Antón
Existe unha posibilidade real que os partidos PP e PSOE e os seus compañeiros ideolóxicos da
Unión Europea, cheguen a un acordo despois das vindeiras eleccións europeas para darlle máis flexibilidade á contratación laboral. Xa anteriormente, estes dous partidos fixeran campaña a favor da neoliberal constitución europea que tanto limita os dereitos da clase traballadora. O BNG fixo campaña en contra desa constitución por consagrar un modelo socioeconómico neoliberal que é contrario aos intereses de Galiza como das traballadoras e traballadores dos pobos que conforman a U.E.
Publica A Nosa Terra que o Parlamento Europeo e os gobernos dos países membros non chegaron a un acordo para aprobar as 65 horas semanais. O goberno checo criticou a actitude do Parlamento e atribuíuna á proximidade das eleccións europeas de xuño (entendo que para non alarmar aos votantes). Isto significa que seguirá vixente a lexislación actual sobre tempo de traballo, que fixa unha xornada laboral de 48 horas semanais pero que contempla a posibilidade de excepcións mediante un acordo individual entre empresario e traballador. Estas excepcións, na práctica, permiten traballar até 78 horas semanais. O eurodeputado socialista Alejandro Cercas, relator parlamentario da directiva de tempo de traballo, lamentou a falta de compromiso pero considera que o futuro está aberto para encontrar unha solución coa nova Comisión e o novo Parlamento.