parque industrial da Laracha:iniciada a exposición pública da expropiación dos terreos afectados

Iniciouse a exposición pública do expediente expropiatorio dos terreos afectados polo parque industrial de Lendodeseno-de-parque-industrial (a maior parte xa foran adquiridos inicialmente polo acordo cos propietarios). En total son 41 as parcelas afectadas e suman unha totalidade de 118.548 metros cadrados. O expediente estará a exposición pública durante un mes, e pode consultarse tanto nas oficinas de “Suelo Empresarial del Atlántico (S.E.A.)” en Compostela, como no propio concello da Laracha. A finais do ano pasado foran adxudicadas as obras de urbanización do Parque Empresarial da Laracha.

Esta nova emitiuna o BNG da Laracha nun comunicado no que amosa a súa satisfacción polo feito de que este Parque Empresarial (un dos principais da provincia) vaia ser axiña unha realidade  para acadar un necesario desenvolvemento sustentábel da Laracha, e polo tanto a creación de emprego e a fixación de poboación.

Débese lembrar que a adxudicación provisional do contrato de urbanización e conexións exteriores das obras do parque industrial da Laracha foi encomendada  á empresa “Fomento de Construcciones y Contratas”, por un importe de 9.600.197,40 euros, e o contrato de dirección de obra  á empresa “Proyfe S.L.” por un importe de 297.865 euros.

Considera o Grupo Municipal do BNG que é  unha boa noticia da que todos os grupos políticos e todas as veciñas e veciños do concello da Laracha se deben alegrar. Mais considera tamén que deben ter toda a información, e que se debe recoñecer  o labor do goberno bipartito que agora rematou o seu mandato, e en concreto da Consellería de Vivenda e Solo, a artífice principal de que o Parque Empresarial Público da Laracha poida ser unha realidade, e non un decrépito polígono privado como pretendía o PP.

 

 

 

 

 

 

 

 

Deixa unha resposta