Posted in Galiza on 04/25/2009 04:56 p.m. by Xosé Antón
O portavoz nacional do BNG en funcións, Anxo Quintana, anunciou hoxe en rolda de prensa o apoio do
92,5% dos membros do Consello Nacional á candidatura que vai presentar o BNG ás eleccións europeas, encabezada por Ana Miranda. Sinalou que o acordo para a rotación de escanos asinado polo BNG no marco da colición “Europa dos pobos” implica que os escanos que a coalición acade sexan ocupados polas distintas forzas políticas en función dos votos que cada partido obteña na súa circunscrición electoral, o que garantiría a presenza do BNG en Bruxelas. Máis datos
Posted in Mundo on 04/25/2009 03:30 p.m. by Xosé Antón
Hoxe, no noso país veciño, celébrase o gran día da liberdade. O levantamento militar do día 25 de abril de 1974, denominado Revolución dos Caraveis (Revolução dos Cravos), derrubou, nun só día, o réxime autoritario de inspiración fascista que existía en Portugal dende 1926 sen grande resistencia das forzas leais ao goberno, que cederon perante o movemento popular, que axiña apoiaron aos militares de esquerdas portugueses. Este levantamento é coñecido por 25 de Abril ou Revolución dos caraveis. O levantamento foi conducido polos oficiais intermedios da xerarquía militar (o MFA), na súa maior parte capitáns que tiñan participado na Guerra Colonial. Considérase, en termos xerais, que esta revolución devolveu a liberdade ao pobo portugués (denominándose «Día da Liberdade» ao día conmemorativo instituído en Portugal para recordar a revolución). A revolución debe o seu nome á reacción popular, que repartiu caraveis ós soldados e estes os puxeron nos canóns das súas armas, simbolizando o seu apoio á revolución.
Grândola Vila Morena de Zeca Afonso, emitida polo programa “Limite” da Rádio Renascença, marcaba o comezo das operacións contra o réxime dictatorial. O caravel tornouse no símbolo da Revolución de abril de 1974; Cando no amencer, as persoas comezaran a xuntárense nas rúas, apoiando ós soldados sublevados, alguén comezou a distribuír caraveis vermellos ós soldados, que rapidamente os colocaron nos canóns das súas armas. Podes conseguir máis datos na wikipedia. Se é do teu interese, hai máis información e videos na internet.
Bo día.
Posted in Galiza on 04/24/2009 07:22 p.m. by Xosé Antón
Varios núcleos costeiros tradicionais de Galiza (na costa coruñesa e pontevedresa) están situados a
menos de cen metros do límite do litoral, son asentamentos tradicionais situados na costa dende o século XIX ou antes, e dedicados ás actividades pesqueiras, á industria derivada da pesca como os secadeiros e salazón. Obviamente, tratánse de núcleos anteriores á Lei de Costas de 1988, non construcións recentes de uso vacacional. Por iso a Lei de Vivenda de Galiza aprobada polo Bipartito, na Disposición Segunda da Lei de Vivenda 18/2.008 buscou unha solución legal para os núcleos preexistentes de carácter tradicional afectados por un erro de clasificación urbanística cometido polos concellos aos que pertencen eses núcleos costeiros. Dese xeito, a Xunta, recoñecía a preexistencia destes núcleos a través de dita Disposición.
Agora, o goberno do estado español interpón un recurso ante o Constitucional contra a disposición segunda da Lei de Vivenda de Galiza, tratando ao noso país como incompetente legal na ordenación do seu territorio, ademais de crear, con ese recurso, unha situación de inseguridade xurídica d@s veciñ@s afectad@s.
Por iso o BNG empraza ao executivo central a retirar a decisión adoptada no Consello de Ministros do 17 de abril de interpór un recurso ante o Tribunal Constitucional contra a Disposición Adicional Segunda da lei de Vivenda de Galiza e que dialogue coa Xunta e concellos afectados.
E que fai o goberno español para defender o litoral?
Pretende autorizar parques eólicos mariños no litoral galego que, segundo o Mapa Eólico Mariño presentado recentemente polo goberno central, poderían instalar parques no 75% da nosa costa, cando en Galiza existe un posicionamento unánime en contra da instalación deste tipo de parques.
Posted in Galiza on 04/23/2009 11:33 p.m. by Xosé Antón
Avaliación da elección de delegados/as do día 18 de abril AlternativaPolaUnidade
Acertamos ao denominarmos a nosa candidatura como Alternativa pola Unidade. A unidade do nacionalismo, unidade arredor dunha liña política clarificada, é xusto o que desexa a inmensa maioría dos afiliados do BNG. Non é casual que poñamos a énfase niso, no logro da unidade: facémolo porque sabemos o moitísimo traballo que levou construír o BNG e porque sabemos que sen unha unidade real -non aparente, senón real- o nacionalismo non é viábel en Galiza. Read the rest of this entry »
Posted in Galiza on 04/23/2009 11:17 p.m. by Xosé Antón
Son palabras do dramaturgo Manuel Lourenzo e o director da editorial Laiovento, Francisco Pillado,
nunha conferencia de prensa realizada hoxe na Libraría Couceiro, en Compostela, para responderlle ao informe elaborado pola fundación FAES, onde Andrés Freire, «filólogo clásico e profesor de lingua e literatura cualifica o proceso de normalización lingüística galega como unha «extravagancia», e considera que a supervivencia do galego, como «dialecto», en calquera caso ( e non como lingua) debeuse ao illamento xeográfico de Galiza e ao «analfabetismo» do campesiñado.
Mentres o novo goberno ultraconservador da Xunta (cheo de altos cargos dos anteriores gobernos de Fraga e Aznar) cala ou emite lamentables declaracións que amosan o seu desprezo pola nosa cultura e polas creadoras e creadores galegos. Un exemplo diso témolo no Conselleiro de Cultura, Roberto Varela cando di que “a cultura galega limita”.
Se non chegaba con tentar eliminar o dereito á igualdade de oportunidades para a cultura propia e para o idioma galego tamén o dereito á de xénero vai por mal camiño: o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez Abad, avanzou que vai revisar a orde do Bipartito que anulou os concertos a cinco centros educativos galegos que separaban o alumnado por sexo.
Tampouco deixa de ser rechamante e esperpéntico, en palabras da MESA, que a Consellaría de Educación (da que vai depender a Secretaría Xeral de Política Lingüística) xa anunciase que vai derrogar unilateralmente o decreto 124/2007, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo.
A Patria debe ser gobernada por quen a defenda!