Núcleos costeiros e mapa eólico mariño: están tolos estes PSOE-romanos
Publicado en Galiza o 24/04/2009 19:22 por Xosé Antón
Varios núcleos costeiros tradicionais de Galiza (na costa coruñesa e pontevedresa) están situados a
menos de cen metros do límite do litoral, son asentamentos tradicionais situados na costa dende o século XIX ou antes, e dedicados ás actividades pesqueiras, á industria derivada da pesca como os secadeiros e salazón. Obviamente, tratánse de núcleos anteriores á Lei de Costas de 1988, non construcións recentes de uso vacacional. Por iso a Lei de Vivenda de Galiza aprobada polo Bipartito, na Disposición Segunda da Lei de Vivenda 18/2.008 buscou unha solución legal para os núcleos preexistentes de carácter tradicional afectados por un erro de clasificación urbanística cometido polos concellos aos que pertencen eses núcleos costeiros. Dese xeito, a Xunta, recoñecía a preexistencia destes núcleos a través de dita Disposición.
Agora, o goberno do estado español interpón un recurso ante o Constitucional contra a disposición segunda da Lei de Vivenda de Galiza, tratando ao noso país como incompetente legal na ordenación do seu territorio, ademais de crear, con ese recurso, unha situación de inseguridade xurídica d@s veciñ@s afectad@s.
Por iso o BNG empraza ao executivo central a retirar a decisión adoptada no Consello de Ministros do 17 de abril de interpór un recurso ante o Tribunal Constitucional contra a Disposición Adicional Segunda da lei de Vivenda de Galiza e que dialogue coa Xunta e concellos afectados.
E que fai o goberno español para defender o litoral?
Pretende autorizar parques eólicos mariños no litoral galego que, segundo o Mapa Eólico Mariño presentado recentemente polo goberno central, poderían instalar parques no 75% da nosa costa, cando en Galiza existe un posicionamento unánime en contra da instalación deste tipo de parques.