Guillerme Vázquez: a unidade do nacionalismo arredor dunha liña política clarificada é o que desexan os afiliados do BNG

Avaliación da elección de delegados/as do día 18 de abril  AlternativaPolaUnidade 

 

Acertamos ao denominarmos a nosa candidatura como Alternativa pola Unidade. A unidade do nacionalismo, unidade arredor dunha liña política clarificada, é xusto o que desexa a inmensa maioría dos afiliados do BNG. Non é casual que poñamos a énfase niso, no logro da unidade: facémolo porque sabemos o moitísimo traballo que levou construír o BNG e porque sabemos que sen unha unidade real -non aparente, senón real- o nacionalismo non é viábel en Galiza.

 

Hoxe volvín comparecer perante os medios. Fíxeno acompañado de Rosana Pérez e Ana Pontón e coa intención de valorar as asembleas comarcais celebradas o pasado sábado e dar algunhas claves do que pensamos neste momento as persoas que impulsamos a Alternativa pola Unidade.

 

A verdade é que cada vez teño máis claro que acertamos ao denominarmos a nosa candidatura como Alternativa pola Unidade. A unidade do nacionalismo, unidade arredor dunha liña política clarificada, é xusto o que desexa a inmensa maioría dos afiliados do BNG. Non é casual que poñamos a énfase niso, no logro da unidade: facémolo porque sabemos o muitísimo traballo que levou construír o BNG e porque sabemos que sen unha unidade real -non aparente, senón real- o nacionalismo non é viábel en Galiza.

 

A militancia do Bloque Nacionalista Galego falou alto e claro. A participación, masiva, nas asembleas comarcais non ten precedentes na nosa historia. O asemblearismo goza de moi boa saúde no BNG: arredor de 5.000 compañeiros e compañeiras emitiron o seu voto, libre, directo e secreto, nun exercicio de democracia participativa que sería inconcebíbel en calquera outra organización política do País. Temos que felicitarnos os compañeiros e as compañeiras da Alternativa de que a nosa opción fose a maioritaria entre todas as que se submeteron á consideración da militancia. Logramos o 47 por cento dos delegados e delegadas, un claro refrendo á nosa aposta de colocar o debate político, o debate das ideas, antes que calquera outra consideración. O debate das ideas sempre antes que o debate das persoas.

 

O mandato electoral das asembleas comarcais é moi nidio. Os delegados e as delegadas estou certo de que actuarán como tais, isto é, en concordancia coa vontade soberana dos militantes do Bloque Nacionalista Galego. Os delegados e delegadas son iso: delegados e delegadas, representantes dos afiliados e afiliadas, e sei que estarán á altura da súa responsabilidade, tendo sempre en conta o sentido de voto expresado pola militancia nas asembleas comarcais do día 18. Home, a este respecto teño que dicir que me doe ver algunhas manifestacións, ou ler algunhas cousas que teño lido por aí, das que se deduce unha sorte de deslexitimación do proceso asembleario en curso. Creo que manifestacións dese tipo constitúen unha clarísima falta de respecto á militancia do BNG. Non entendo como se poden poñer intereses de grupo ou ambicións persoais por enriba dos intereses do Bloque Nacionalista Galego. Apelo a un elemental patriotismo e a non danar o BNG.

 

Todos somos compañeiros e compañeiras. O inimigo non está dentro. Debemos preservar a unidade e exercermos a fraternidade e o compañeirismo. Todas as posicións son igualmente respeitábeis. Todas as visións, todas as achegas, sobre o que debe ser o nacionalismo merecen o mesmo respecto. O que hai é que debater francamente. Que cada quen diga o que pense e que o faga sen complexos. En fin. Pido responsabilidade a todo o mundo. E contención. Non danar por danar. Pensar sempre no conxunto. Pensar no BNG. É muito máis o que nos une que aquilo sobre o que temos diferenzas.

 

A Alternativa defende que o debate reforza o Bloque Nacionalista Galego, pero o debate nunca pode ser unha coartada para a división do BNG nen para que o nacionalismo sexa percibido pola sociedade como unha gaiola de grilos. Debatamos o que haxa debater, pero, unha vez alcanzado unha resolución democrática, actuemos unidos perante a sociedade galega.

 

MÁIS NACIONALISMO MÁIS ESQUERDA

Máis nacionalismo e máis esquerda. Está ben como consigna. Ten que ser algo máis. Ten que ser a nosa guía de actuación. Defensa dos dereitos de Galiza como nación e defensa das clases populares, das clases traballadoras en primeiro termo. Galiza como nación e cuestionamento do neoliberalismo, eses deben ser os alicerces do noso proxecto, un proxecto para o país e un proxecto tamén para a sociedade.

 

Nesas coordenadas pensamos que se acha a inmensa maioría da afiliación do BNG. Non a vemos nen na defensa do continuismo centrista nen avalando aventureirismos estériles. Pensamos que a maioría da afiliación quere un cambio de rumbo, un xiro á esquerda. Quere que sexamos máis humildes e que esteamos tamén cos máis humildes. Que teñamos un pensamento alternativo e tamén uns comportamentos alternativos, fronte ao bipartidismo estatal.

 

O BNG, O LÍDER SOCIAL

A Alternativa quer que o BNG sexa o líder da sociedade galega. Defendemos un liderazgo colectivo, colexiado, democrático. Non un hiperliderazgo. Non ten sentido concentrar as funcións máis relevantes -portavoz nacional, portavoz do grupo parlamentar, candidato in péctore á Xunta de Galiza- nunha soa persoa. Non ten nengún sentido anticipar a catro anos vista a designación do noso candidato ao Goberno galego. Esta Asemblea Nacional Extraordinaria non vai a ser a nai de todas as asembleas nacionais. Detrás desta virán outras. Como imos a suplantar a vontade soberana da afiliación do BNG nesas futuras asembleas nacionais?

 

Diálogo. Desde a Alternativa traballaremos sen descanso ofrecendo diálogo, até o último minuto da prórroga se fai falta. Mais tamén temos claro que dous non dialogan se un non quere. E que, no caso de que o diálogo non fructifique en acordo, tampouco haberá que dramatizar ese escenario. A Asemblea Nacional terá a última palabra.

 

Deixa unha resposta