Entrevista a Francisco Rodríguez Sánchez no diario «El país» do domingo 29 de marzo.
Publicado en Galiza o 01/04/2009 01:01 por Xosé Antón
Esta é a entrevista realizada a Francisco Rodríguez Sánchez polo diario «El país» o domingo 29 de
marzo na que o ex- portavoz do BNG no congreso dos deputados comenta que o BNG ten que ser capaz de manter o bo clima do último Consello Nacional. Pois o nacionalismo atomizado en Galiza non é nada. Se todo o mundo o ten claro, haberá as lóxicas convulsións, pero as cousas vanse a canalizar da forma que lle dea máis estabilidade.
Pregunta. Ten xa máis claro que pasou o 1-M?
Resposta. Foi clave a forma en que se desenvolveu a campaña. Dito isto, xa se actuaba sobre unha gran fraxilidade, porque bipartito e BNG só podían manterse ou aumentar moi pouco. E a campaña, desde o punto de vista mediático e das teses do PP, tivo a pegada xusta para que o que estaba fráxil fose derrubado. Hai un dato obxectivo: o 80% dos votos perdidos están nunha circunscrición. Iso é unha anomalía de tal calibre que só pode ser atribuíbel a circunstancias conxunturais.
Pregunta. Anxo Quintana di que se deu conta de que os poderes fácticos non estaban co poder, senón co PP.
R. É unha evidencia. O problema é que xa o sabiamos. Púidonos coller por sorpresa a profundidade da tese, pero non a súa veracidade.
P. Non xogou demasiado o BNG con eses poderes?
R. Non. O que fixo foi pensar que un diálogo con eses sectores podía lograr, máis que neutralidade, unha certa conivencia. E aí si que houbo un erro de vulto e de cálculo. E aí si que non tiñamos unha posición unánime, aínda que todos considerásemos que ese labor había que facela. Uns crían que era substancial, e outros consideramos que había que facela, pero que non cabía esperar moito dela. Os poderes fácticos externos está claro que eran agresivos, pero os mediáticos internos non é que fosen condescendentes; facían un paripé e estaban segando a herba por baixo. Aínda que non teña matriz española, algún deles é moi significado e seguiu unha estratexia de que tiña que volver o PP. Estratexia que non foi ben tratada desde o bipartito, como en xeral o trato cos medios de comunicación privado non foi o correcto. Xogouse ao pan para hoxe e fame para mañá. Que esas empresas consideran que es un interlocutor inevitábel non significa que che vaian a apoiar.
P. Que opina do sucedido con Quintana e os maiores en Oia durante a campaña?
R. Foi un suceso relacionado co esforzo de Vicepresidencia por conectar cun mundo moi afastado do nacionalismo. E un mínimo erro moi ben aproveitado claro que fixo ferida.
P. Debe subir un vicepresidente ao veleiro dun empresario?
R. É que ten que reunirse. Esa foto era de 2005, pero podía ser de 2008. E saíra publicada. Hai un problema de coñecemento e amizade de fai moitos anos. Eu, como portavoz do BNG, en pleno aznarismo, levei ao señor Jacinto Rei, presidente de San José, a unha comparecencia ao Congreso, en relación cunha lei de contratos administrativos do Estado. Non houbo un só pequeno ou mediano empresario da construción que quixese estar alí.
P. Será capaz de manter o BNG o bo clima do último Consello Nacional?
R. Ten que ser capaz. A clave está na experiencia acumulada: o nacionalismo atomizado en Galiza non é nada. Se todo o mundo o ten claro, haberá as lóxicas convulsións, pero as cousas vanse a canalizar da forma que lle dea máis estabilidade ao BNG, porque sen ela non será alternativa. E menos nun momento hostil, de achegamento entre o PP e o PSOE.
P. Tamén Quintana chegou a expor a posibilidade de achegarse ao PP.
R. Púidose entender así, pero non o foi. O BNG sempre tivo claro que, de non ser capaz en por si, debe ir a unha alternativa de unidade coa esquerda española. E que o inimigo real é o PP. Nunca se pensou en termos veraces nese pacto. O grave problema do nacionalismo é que o PSOE pode pactar co PP, pero nós non temos un interlocutor fiábel. Iso é o que expresaba o noso portavoz, pero non a crenza de que fose posíbel. E hai outra tese, que é real, pero que custa aplicar: hai unha parte de Galiza que vota ao PP, e nunhas circunstancias en que a política nacionalista tivese menos dificuldades, nós podiamos chegar a abrir unha fenda nesa base electoral. Iso intentouse. Sen resultados, pero se intentou. Outra cousa é o debate interno que iso crease.
P. Que simboliza o seu abrazo con Beiras tras o último Consello Nacional?
R. Que eu non podo estar nas organizacións en contra fisicamente doutras persoas, cun clima psicoloxicamente invivíbel. Se estamos aquí, estaremos en condicións de poder falar, e sometidos a un ben superior ou a uns obxectivos que nos transcenden. Simboliza un desexo de como deben ir as cousas.
P. Sería desexábel unha única candidatura na asemblea?
R. Sería o mellor, pero tampouco sería dramático que houbese máis. A idea de estabilidade queda máis clara se, no proceso, xa se configura unha maioría que vaia por un camiño, cunha posición de construción desde o inicio, non ao final. O importante é non facer o proceso nos medios de comunicación. Se todos facemos o mesmo…
P. Refírese a Beiras?
R. Bon, eu prefiro que iso o xulgue a militancia.
P. Beiras proponse para pilotar a transición.
R. Son propostas que coñezo polos medios de comunicación das que prefiro non opinar.
P. Debe liderar Quintana o grupo parlamentario?
R. Iso decidirano a Executiva e o Consello Nacional. O importante non é se será presidente ou portavoz, senón a oposición que fagamos, e a presenza de Quintana pode axudar moito dentro do grupo, porque a experiencia pasada é moi dura e iso vainos a valer a todos.
P. A derrota invalídao para repetir como candidato?
R. Non estamos xogando nese terreo. A derrota obríganos a sacar conclusións e rectificar, desde o orgullo de saber que se fixeron cousas de gran transcendencia. E a mostra é que son as que vai desfacer o PP. Aínda que non convén estar nos cargos indefinidamente, tampouco hai que tirar á xente pola borda.
R. Gustarme, a verdade é que nada. Tampouco é que me descarte, porque entre o que un desexa e a súa concreción… Eu non teño interese persoal, e hai persoas moi cualificadas. Pero non deamos a imaxe de que no BNG, de súpeto, aparece todo tan renovado que non ten nada que ver co de antes. Pero eu no BNG non son nada: nin portavoz, nin un cargo determinante, nin estou nos parlamentos.
P. Que perfil debe cumprir o novo portavoz nacional?
R. O principal, darlle estabilidade, credibilidade e seriedade a isto. E que teña sentido de organización. Para o próximo ano e medio, estes son os criterios. E hai onde escoller.
P.Gustaríalle estar a vostede na Executiva?