Archive for Abril 10th, 2009

Sensibilidades que buscan un futuro mellor para o país.

 Comentan moitos militantes que o  BNG está a vivir momentos de transición onde o importante éjorquera-na-sede-nacional1 ordenar as políticas nacionalistas para conformar unha nova dirección política que dean resposta á sociedade galega. Así semella ser,  pois nestes momentos fálase da posibilidade de que haxa tres listas para a Asemblea Nacional do 10 de maio deste ano.

O que certos medios oligárquicos pretenden “vender” como un problema do nacionalismo galego,  para o BNG non é así, pois visualízase como unha situación de normalidade e vigor democrático, como sucede (ou debería suceder) en calquera grupo político realmente democrático, que non debería chamar demasiado a atención. O Bloque Nacionalista Galego amosa un perfil propio diferenciado das demais forzas políticas existentes no estado, un caso único en toda Europa.  É certo que hai diferentes propostas de listas porque hai diferentes sensibilidades dentro da frente política, e que se expresan libremente sen coacción dun dirixente supremo centralista que ordena, manda e concibe a organización tanto a nivel organizativo como político dun xeito personalista.

O futuro do BNG vai depender tanto dos  acertos da organización como da vontade do pobo galego, xa que  aspira a seguir sendo un grupo moi importante na sociedade galega, o único que ten capacidade de defender os intereses da nosa sociedade ante un contexto estatal e internacional moi pouco favorábel.

As probas amosan que o BNG é  unha organización cunha grande fortaleza, elevado grao de unidade e responsabilidade, e que é o instrumento necesario para transformación e benestar da sociedade galega. Xa se amosou que co seu labor desenvolvido na Xunta, malia as deficiencias e eivas, conseguíronse considerábeis obxectivos para Galiza dos que non debemos renegar nin esquecer. E agora á militancia tócalle a responsabilidade de guiar unha alternativa unida para que Galiza teña un futuro mellor que os catro anos que agarda soportar.