Francisco Jorquera considera un grave erro que o PSOE culpe ao BNG do resultado electoral. E nós avante co BNG!
Publicado en Varios o 03/03/2009 21:01 por Xosé AntónO portavoz do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Congreso, Francisco Jorquera, admitiu hoxe que
a derrota do bipartito galego nas eleccións do 1 de marzo é un fracaso electoral, mais advertiulle ao PSOE de que é un erro grave culpar os nacionalistas sen asumir a responsabilidade propia do propio PSOE – e da política errada de Emilio Touriño (isto último é colleita propia). Para confirmar a miña teoría chegades a xornal.com e lede a editorial do director.
Continúa Jorquera: “Nós sabemos que temos a nosa cota de responsabilidade, somos conscientes de que cometemos erros e imos iniciar un proceso acougado de reflexión de cara a rectificar o que se estime conveniente. Sería bo que o PSOE fixese a mesma lectura no canto de intentar transferirlles a outros responsabilidades propias”
Ten toda a razón Jorquera, non só da tontería do PSOE que xa temos moita experiencia diso, pois despois de laiarnos dos erros cometidos, temos que erguer a cabeza e empezar a funcionar despois dos choros (no meu caso literal) e da reflexión acougada. Canto antes e coa tranquilidade que nos deron os anos de sufrimento de oposición nas distintas institucións e o recoñecemento do noso excelente traballo no Goberno Galego.
Aínda me lembro do meu primeiro ano de cando era concelleiro do BNG na oposición en tempos máis complicados. O primeiro ano viñeron ameazarme á casa (un membro do goberno do PP), ratos mortos no buzón de correos (refírome ao animal non ao tempo morto mirando cartas), ameazas de querelas e ameazas por ir ao xuízos de testemuña dun agredido. Agora dáme a risa e se me pasase agora comíame o concelleiro da quenda no cocido, mais naquel tempo aínda non tiña os dentes en tan malas condicións como para non importarme a súa perda ao roerlle as costelas do edil.
Veña camaradas, despois das lóxicas e profundas reflexións e accións a acometer, arrincade que temos moito por facer e cambiar nesta sociedade, para iso temos que traballar (para chegar de novo ao goberno e transformar o que pouco a pouco vai tentar machucar a indecencia política do PP e a súa plataforma mediática chea de intereses persoais)