Posted in Varios on 03/27/2009 12:44 a.m. by Xosé Antón
Os do PSOE e os do Partido Popular garanten con este acordo que o «socialista»Patxi López sexa
lehendakari. Segundo acordaron os socialistas e populares, o PP obterá a Presidencia do Parlamento Vasco mentres que o PSE reservarase dous postos na Mesa, asegurándose ambos a maioría no órgano de goberno da cámara. En devandita reunión, ambos os partidos alcanzaron un «principio de acordo» sobre as bases políticas e os obxectivos que terá o novo Goberno vasco e que non se clarificaron.
O lehendakari en funcións, Juan José Ibarretxe, agarda que a «alternativa que están formulando os dous partidos españois sirva para algo máis que para desprazar ao PNV e a el mesmo» do Goberno. Ibarretxe confía en que especifiquen «as políticas que conxuntamente» estes partidos realizarán, cando esta mesma semana o PP presentou un recurso de inconstitucionalidade contra os Orzamentos Xerais do Estado para 2009.
Queda claro que o lehendakari será “socialista”, mais o vindeiro presidente do Estado Español xa non está nada claro. As ganas do PSOE de facer un pacto co demo mesmo para sacarlle o poder ao nacionalismo, lévao a ter dificultades no goberno central(ista) e no congreso dos deputados. A consecuencia: que pode pagar ben caro nas urnas ese pacto, xa que o PNV, que gañou as eleccións en Euskadi ( foi o partido máis votado ) e axudou bastante a Zapatero na anterior e actual lexislatura, non perdoará esa traizón.
Posted in A Costa da Morte on 03/26/2009 10:05 p.m. by Xosé Antón
Non podemos permitir enterrar o galego, agardardo que os futuros dirixentes tardofranquistas da
Xunta apliquen as súas políticas contra a nosa cultura, do mesmo xeito que non podemos permitirnos outro retroceso letal para a lingua que nos une como galegas e como galegos.
Que o dereito a expresarnos na nosa propia lingua, a do noso país, teña que ser reclamado, como se dunha especie protexida en extinción se tratase, amosa de xeito ben evidente a delicada situación na que se atopa o noso idioma. Mais tamén anima a vitalidade de significados sectores da nosa sociedade na defensa do galego. Semellaría, atendendo a isto último, que estou a falar da Mesa. Si, con toda razón, xa que é a maior organización galega que realiza as necesarias actividades reivindicativas co obxectivo de reclamar as medidas e as accións que garantan o dereito de todas as galegas e galegos a poder vivir en galego. Podería ser, xa que que vai celebrar a súa asemblea xeral o próximo 28 de marzo, e ademais chama a toda a sociedade galega a unirse á manifestación que percorrerá as rúas de Santiago de Compostela o vindeiro 17 de maio, unha cita que “ten que ser histórica” para parar a “involución lingüística” que intenta impor o Partido Popular.
Pois non, non falo da maior asociación cultural galega, da “casa común” en defensa do idioma galego e á que tanto respecto lle temos. Estou a falar da Asociación Veciñal A Cutareira, que organiza a conferencia sobre a igualdade de dereitos do galego PORQUE TEMOS, PORQUE QUEREMOS, PORQUE DEBEMOS que se celebrará na aula de cultura de Caixa Galicia, na sexta feira/venres 3 de abril, ás 20:30 da tarde. Con este tipo de actividades na defensa da nosa lingua, esta asociación amosa que o pobo galego aínda está vivo, e que sabe defender o que é seu: o idioma galego, mal que lles pese aos xenófobos que pretenden alimentar o auto- odio nas galegas e galegos.
Por iso prego a túa asistencia á conferencia impartida por Fran Rei, membro da Comisión Permanente da Mesa pola Normalización lingüística, que organiza a Cutareira. Agardan a nosa presenza.
Posted in Galiza on 03/25/2009 12:39 a.m. by Xosé Antón
Estes días sae moito Beiras na prensa, tanto da internet como na impresa e fala sobre a “refundación” do Bloque Nacionalista Galego
O líder dos irmandiños aposta porque todos os militantes que queiran poidan votar na Asemblea Nacional do BNG, polo que dende esa corrente (agora crítica) lembran que cómpre pagar as cotas antes do 31 de marzo, xa que ese “ martes día 31 de marzo remata o prazo para poñerse ao día no pago das cotas ao BNG e poder participar na Asemblea Nacional”. E logo, até de agora non as pagaban?
Mentres, outros sectores da frente política insisten en que se deben votar as listas de delegad@s nas asembleas comarcais. Dese xeito cada grupo, candidatura ou militante de xeito individual poderá explicar á militancia da súa localidade e comarca o seu parecer ou como desenvolver este novo camiño que queda por adiante. Dese xeito cada militante terá coñecemento necesario para acadar unha opinión suficientemente formada de cada proxecto a debater e votar na Asemblea Nacional.
O Consello Nacional do Bloque Nacionalista Galego aprobou que un mínimo de 2.500 militantes participen na Asemblea, o que permitirá que podan asistir @s militantes que o desexen. Por iso tamén entendo que, ao haber suficiente continente para expor as ideas (con ese número de militantes ninguén quedará excluído, agás quen non queira participar) sería acaído que se debatera anteriormente en todas as asembleas comarcais os contidos das teses e programa a realizar. Non se debería usar a Asemblea Nacional como un espontáneo escenario onde alguén, con grandes dotes de interpretación dramática, fixese de actor – paracaidista, mais sen máis contido real que arengar «ás masas» e co agravante de non debatelo anteriormente c@s compañeir@s de localidade e comarca.
Posted in Galiza on 03/24/2009 10:27 p.m. by Xosé Antón
O coordinador da executiva en funcións e portavoz do BNG no congreso dos deputados, Francisco
Jorquera, fala nunha entrevista de GZNación dos pasos que se están a dar dende o nacionalismo cara a súa Asemblea Nacional, da madura responsabilidade d@s militantes e sobre o futuro goberno da Xunta. Neste aspecto salienta dúas cousas: Alberto Núñez Feijóo en vez de explicar que medidas positivas vai a impulsar dende o Goberno para facer fronte aos problemas máis importantes que ten o país nestes momentos, como é a crise económica, o que está anunciando é o que vai desfacer e destruír. Parece que máis que ter un programa de goberno o que ten é un contraprograma do BNG.
En segundo lugar, esa mesma actitude é sintomática de que o Goberno galego saínte, cos erros recoñecidos, foi un Goberno que iniciou políticas de cambio moi importantes en Galiza, fundamentalmente impulsadas polo BNG, que agora pretenden ser botadas abaixo polo Partido Popular. Clica aquí para acceder á entrevista.
Posted in Galiza on 03/23/2009 11:24 p.m. by Xosé Antón
Se accedes á web da Mesa terás todos os datos sobre a Asemblea Xeral de Socias e Socios que A
Mesa pola Normalización Lingüística realizará este vindeiro sábado, 28 de marzo, no Auditorio de Galiza, en Compostela. Entre outros puntos, a Asemblea Xeral elixirá a Comisión Permanente para os vindeiros tres anos e debaterá unha proposta de mudanza dos seus estatutos.
A única candidatura presentada para dirixir a maior asociación cultural galega é a de Carlos Callón como presidente, Fran Rei como vicepresidente e coordenador de zonas, Iria Taibo como secretaria xeral e Susana Romero como vogal.
Lembran dende A Mesa que a celebración desta asemblea faise nun momento que considera “especialmente delicado” para a situación da lingua galega, perante as “ameazas de involución que formula o PP, cun auténtico plan de extinción do galego contra o que cómpre reaxir”. Así, o principal reto formulado para o futuro próximo é “evitar o desmantelamento da protección xurídica do galego”. Para iso, fan un chamamento ao conxunto da sociedade, especialmente á comunidade educativa, para defender o idioma propio “porque se as galegas e os galegos non defendemos a nosa lingua, ninguén o vai facer por nós”. Con ese obxectivo, convocaron unha manifestación para o vindeiro 17 de maio. Ás 19.30 horas, A Mesa realizará no Auditorio de Galiza un acto de clausura da súa Asemblea Xeral, que está aberto a todas as persoas que quixeren participar.
Nota manifestación do 17 de maio: A asociación Cultural Quintafeira e a A.VV. A Cutareira agardan fretar para o desprazamento á capital galega un autobús que cubra as prazas das persoas da Laracha interesadas en asistir á manifestación reivindicativa da igualdade de dereitos para o idioma galego. Non faltes!