En galego porque temos, porque queremos e porque debemos
Posted in A Costa da Morte on 03/26/2009 10:05 p.m. by Xosé AntónNon podemos permitir enterrar o galego, agardardo que os futuros dirixentes tardofranquistas da
Xunta apliquen as súas políticas contra a nosa cultura, do mesmo xeito que non podemos permitirnos outro retroceso letal para a lingua que nos une como galegas e como galegos.
Que o dereito a expresarnos na nosa propia lingua, a do noso país, teña que ser reclamado, como se dunha especie protexida en extinción se tratase, amosa de xeito ben evidente a delicada situación na que se atopa o noso idioma. Mais tamén anima a vitalidade de significados sectores da nosa sociedade na defensa do galego. Semellaría, atendendo a isto último, que estou a falar da Mesa. Si, con toda razón, xa que é a maior organización galega que realiza as necesarias actividades reivindicativas co obxectivo de reclamar as medidas e as accións que garantan o dereito de todas as galegas e galegos a poder vivir en galego. Podería ser, xa que que vai celebrar a súa asemblea xeral o próximo 28 de marzo, e ademais chama a toda a sociedade galega a unirse á manifestación que percorrerá as rúas de Santiago de Compostela o vindeiro 17 de maio, unha cita que “ten que ser histórica” para parar a “involución lingüística” que intenta impor o Partido Popular.
Pois non, non falo da maior asociación cultural galega, da “casa común” en defensa do idioma galego e á que tanto respecto lle temos. Estou a falar da Asociación Veciñal A Cutareira, que organiza a conferencia sobre a igualdade de dereitos do galego PORQUE TEMOS, PORQUE QUEREMOS, PORQUE DEBEMOS que se celebrará na aula de cultura de Caixa Galicia, na sexta feira/venres 3 de abril, ás 20:30 da tarde. Con este tipo de actividades na defensa da nosa lingua, esta asociación amosa que o pobo galego aínda está vivo, e que sabe defender o que é seu: o idioma galego, mal que lles pese aos xenófobos que pretenden alimentar o auto- odio nas galegas e galegos.
Por iso prego a túa asistencia á conferencia impartida por Fran Rei, membro da Comisión Permanente da Mesa pola Normalización lingüística, que organiza a Cutareira. Agardan a nosa presenza.