Archive for Marzo 23rd, 2009

Asemblea Xeral da Mesa pola Normalización Lingüística e a manifestación do 17 de maio

Se accedes á web  da Mesa  terás todos os datos sobre a Asemblea Xeral de Socias e Socios que A Mesa pola Normalización Lingüística realizará este vindeiro sábado, 28 de marzo, no Auditorio de Galiza, en Compostela. Entre outros puntos, a Asemblea Xeral elixirá a Comisión Permanente para os vindeiros tres anos e debaterá unha proposta de mudanza dos seus estatutos.

A única candidatura presentada para dirixir a maior asociación cultural galega é a de Carlos Callón como presidente, Fran Rei como vicepresidente e coordenador de zonas, Iria Taibo como secretaria xeral e Susana Romero como vogal.

Lembran dende A Mesa  que a celebración  desta asemblea faise nun momento que considera “especialmente delicado” para a situación da lingua galega, perante as “ameazas de involución que formula o PP, cun auténtico plan de extinción do galego contra o que cómpre reaxir”. Así, o principal reto formulado para o futuro próximo é “evitar o desmantelamento da protección xurídica do galego”. Para iso, fan un chamamento ao conxunto da sociedade, especialmente á comunidade educativa, para defender o  idioma propio “porque se as galegas e os galegos non defendemos a nosa lingua, ninguén o vai facer por nós”. Con ese obxectivo, convocaron unha manifestación para o vindeiro 17 de maio. Ás 19.30 horas, A Mesa realizará no Auditorio de Galiza un acto de clausura da súa Asemblea Xeral, que está aberto a todas as persoas que quixeren participar.

Nota manifestación do 17 de maio: A asociación Cultural Quintafeira e a A.VV. A Cutareira agardan fretar para o desprazamento á capital galega un autobús que cubra as prazas das persoas da Laracha interesadas en asistir á manifestación reivindicativa da igualdade de dereitos para o idioma galego. Non faltes!