UPyD, Os bispos, La Voz de Galicia, CC.OO., Galicia Bilingüe e o PP realizan a precampaña máis desfasada da historia galega recente
Publicado en Galiza o 05/02/2009 23:41 por Xosé AntónCoa cantidade de difamacións, tonterías, falsidades ou saídas de ton protagonizadas por estes actores
en plena precampaña, podemos imaxinarnos o nivel que alcanzarán en datas próximas ao 1 de marzo?
A deputada Rosa Díez (UP yD) que só viu Galiza nun mapa e nin tan sequera sabe que a lingua propia de Galiza é o galego (artigo 5 do Estatuto de Autonomía de Galiza 6 de abril de 1.981), destacou que Galicia Bilingüe «traballa en defensa da igualdade dos cidadáns, para pór límites ás imposicións lingüísticas de certas administracións que impiden, ademais, a libre elección do uso das linguas oficiais».
O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, sumouse á polémica xurdida (sobre a pretensión de GB da eliminación do galego) ao defender como adecuado e razoable que cargos do seu partido anuncien publicamente a súa adhesión a esta mobilización antigalega.
Feijóo explicou que de entrada esta marcha sitúase dentro das formulacións lingüísticas do seu partido. Manifestou que el mesmo apoia que dirixentes populares asistan á manifestación. Entre eles está o cabeza de lista pola Coruña, Carlos Negreira, e a número dous da lista de Pontevedra, Corina Porro. Acaso esta xente non quere nin cumprir as normas do estatuto de Galiza no referente ao idioma, nin facer caso da Lei de Normalización Lingüística aprobada por unanimidade? Semella que, ao eliminar o xa cativo sector galeguista das listas, se escoran en demasía a estribor. E así un barco non navega con bo rumbo.
Tampouco parece que anden ben encamiñados en CC.OO que , molestos por perder as eleccións sindicais, saen con comunicados con claros ataques políticos en plena precampaña contra o BNG e dín que este partido prefire os chiringuitos clientelares onde goberna e a exclusión das opcións sindicais molestas, en vez de construír acordos, desde o respecto e a pluralidade sindical. Esta xente non sabe aceptar os resultados democráticos das eleccións sindicais? Encomiado sexa Deus dirían os bispos!
E se cadra, foi por iso que os cinco obispos do país fixeron público un comunicado no que dan orientacións aos fregueses de cara as vindeiras eleccións. Os xerarcas relixiosos afirman que a participación nos comicios é “parte do compromiso do cristián co mundo”. Porén, recomendan que os católico voten “en conciencia” e de xeito “coherente coa súa fe”.
E quen ten moita fé nos escuros obxectivos a cumprir é La Voz de Galicia, que fai caso omiso á lóxica solicitude da CIG na que lle insta a realizar unha inmediata rectificación pública para restaurar a verdade e informar con rigor sobre a realidade do proceso selectivo do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Este sindicato rexeita a campaña de difamación permanente de La Voz de Galicia. Afirman que dita falsidade está a causar un dano irreparábel na valoración dos profesionais do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e prexudicando un servizo público fundamental na sociedade galega como é o que presta o Consorcio.
É máis, considero que, como siga nese camiño da mentira, difamación e esaxeración, chegará a considerarse a tira cómica diaria, superando claramente o nivel caricaturesco da revista que se fai o mércores para denominarse “El Jueves”. Se esas histriónicas barbaridades antigalegas de La Voz de Galicia son publicadas diariamente na precampaña, non me imaxino o nivel de elucubracións mediáticas que sairán na campaña. Con esa progresión, uns titulares poderían ser “Quintana e o BNG culpábeis de eliminar o dereito a voto das galegas e galegos que viven na Galiza” ou “O BNG considerado culpábel de arruinar Galiza” mais tamén poderían poñer calquera outro en plan ataque persoal. A ver por onde se lles dá mañá…