Sobre os procesos de selección do persoal do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar

 Subo ao blogue esta clarificadora  carta sobre a manipulación de La Voz de Galicia e a falla de ética periodística:
Coñezamos a realidade fronte á manipulación de La Voz de Galicia

 As noticias aparecidas no xornal La Voz de Galicia sobre os procesos de selección do persoal do la-voz-do-seu-amoConsorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar non responden en nengún caso á realidade dos feitos e constitúen un claro exemplo de manipulación informativa e de vulneración de todos os principios da ética xornalística.

Convén ter moi presente o seguinte: todos os procesos de selección do persoal do Consorcio respectaron e respectan os principios e regras básicas dos procesos de selección de calquera Administración pública rexida polo Dereito Administrativo (publicidade, mérito e capacidade).

O Consorcio, polo demais, está integrado pola Xunta, por 262 concellos -moitos deles gobernados por PP e PSOE- e por tres Mancomunidades. O lector ou a lectora da Voz poderá ser levado equivocamente á conclusión de que no Consorcio só decide a Vicepresidencia do goberno galego.

É moi importante subliñar que estamos perante un proceso de concurso-oposición aberto e universal para a selección de persoal laboral fixo e ao que se pode apresentar calquera persoa. Un proceso que foi acordado cos sindicatos máis representativos dos traballadores e das traballadoras no Consorcio (CIG e UGT). CC OO, que agora aparece como crítico do procedimento, o que pretendía era a consolidación laboral automática de todas e cada unha das persoas que neste momento están a traballar no Consorcio sen realizar nengunha oposición. O BNG non optou por este modelo por ser claramente discriminatorio e lesionar os dereitos daquelas persoas que non son traballadores ou traballadoras do Consorcio. Na web da CIG atoparedes as razóns polas cales o sindicato nacionalista respalda sen dúbidas este procedimento de escolla do persoal.

Criticar como fai La Voz de Galicia o nomeamento de Lois Castrillo ou de Pilar Candocia como cargos do Consorcio é ocultar ao público que estamos ante nomeamentos de natureza política, por se trataren de figuras asimilábeis aos altos cargos do Goberno. Como todo o mundo sabe, e non podía ser doutro xeito nunha democracia, no caso do persoal de natureza política a súa designación é libre, do mesmo xeito que o seu cesamento.

La Voz denuncia tamén que arredor de oito persoas vinculadas ao BNG (excluídos os cargos políticos) teñen unha relación contractual co Consorcio. Aquí o xornal falta á verdade cando atribúe a alguna persoa, con nomes e apelidos, condición de militante do BNG, o que é totalmente falso.  Polo demais, é obvio que a condición de militante dunha forza política non inhabilita a ninguén para exercer unha función dentro da Administración pública. Defender o contrario sería tanto como atentar contra o dereito fundamental á participación en política, un dereito fundamental en calquera democracia.

Como calquera pode entender, non sería estraño que entre as 1.100 persoas que traballan no Consorcio 8 ou 10 fosen militantes do BNG. É unha proporción que, tendo en conta o feito de o BNG ser unha organización cunha militancia moi numerosa, sen dúbida se dá en muitas outras entidades ou empresas, públicas ou privadas, desa dimensión.

 

Deixa unha resposta