Operación Gürtel: Complícanselle as cousas ao PP
Publicado en Varios o 19/02/2009 00:59 por Xosé AntónSegundo resaltan diversos medios informativos nacionais e estatais, a Fiscalía Anticorrupción solicitou
hoxe ao xuíz da Audiencia Nacional Baltasar Garzón que se inhiba na causa pola que investiga a trama de corrupción relacionada coa operación Gürtel a favor dos tribunais superiores de xustiza da Comunidade Autónoma de Madrid e da Comunidade Valenciana.
Isto suporía, atendendo ao publicado polos devanditos medios, que a investigación da totalidade do sumario recaería no Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, agás determinados feitos, perfectamente escindibles, que correspondería investigar ao Tribunal Superior da Comunidade Autónoma de Valencia.
A Fiscalía aclara que as dúas fiscais encargadas do caso presentaron esta mañá no Xulgado Central de Instrución número 5 este informe, que lles solicitou Garzón para que se pronunciasen sobre os pasos a seguir no caso de que puidese haber imputados aforados na causa. O pasado venres, Garzón anticipou no auto polo que rexeitou a personación do Partido Popular (PP) na causa que existen serios indicios de que persoas vinculadas a esa formación política poderían ter responsabilidade nesa causa ou naqueloutras que se incoen tras a inhibición que se acordará por razón de aforamento dalgunhas delas.
A investigación correspondería ao Tribunal Supremo no caso de que os imputados fosen membros do Goberno e deputados estatais e senadores e dos Tribunais Superiores de Xustiza de Madrid ou Valencia se ocupasen estes cargos a nivel autonómico.
Dimite o presidente da comisión investigadora por ser amigo de Correa
Outra dimisión relacionada co escándalo da corrupción que salpica ao PP. Dimite o deputado autonómico do partido, Benjamín Martín Vasco, como presidente da Comisión que debe investigar o caso da espionaxe na Asemblea de Madrid. Abandona o seu cargo tras coñecerse a súa amizade con Francisco Correa. Vasco sempre recoñecera esta relación aínda que negara calquera tipo de irregularidade.