O BNG presenta os candidatos da Costa da Morte ao Parlamento de Galiza
Publicado en A Costa da Morte o 07/02/2009 12:55 por Xosé Antón
A candidata nº2 pola Coruña, Ana Pontón Mondelo, presentou no local comarcal do BNG en
Carballo aos candidatos Xosé Regueira Varela, Manuel Antelo Pazos e Óscar Insua.
Ana Pontón comentou que os integrantes da candidatura nacionalista son xente con recoñecida experiencia, capacidade política e un alto nivel de traballo. Tanto Manuel Antelo Pazos como Xosé Regueira Varela van en postos altos e temos a esperanza de que poidan formar parte do noso próximo grupo parlamentar. Afirmou que o BNG refrendou o seu compromiso, desde o goberno da Xunta de Galiza, coas comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra e nas outras comarcas do noso País, e por iso o BNG agardaba obter nestas eleccións uns resultados históricos.
A deputada nacionalista lembrou o traballo de transformación de Galiza levado a cabo polo BNG no Goberno, e afirmou que ese cambio pódese ver en toda A Costa da Morte, que resultaron ser a comarca máis castigada e esquecida polos gobernos do Partido Popular. Incidiu no traballo sen descanso do BNG na potenciación dos servizos públicos, do medio rural, o solo empresarial ou a adopción de medidas que contribúan a minorar a crise. Falou da necesidade de apoiar ás pemes cun Instituto de Crédito Oficial propio ou modificar a lei de caixas. Pontón dixo que o BNG actuará en favor do sector mariñeiro e marisqueiro, reclamará as competencias en salvamento marítimo e pedirá unha base de salvamento para a comarca. Tamén reclamou un estudo sobre as afeccións na saúde derivadas do Prestige e a súa incidencia nos bancos marisqueiros.
Xosé Regueira subliñou que seguirán reivindicando o hospital comarcal para Bergantiños, no que se poidan tratar determinadas doenzas que poidan ser atendidas fóra do CHUAC. Tamén falou da eliminación da peaxe da autoestrada, a pesar da «herdanza envelenada do PP, cun rescate complicado, xunto da adopción de medidas encamiñadas a ter tarifas o máis brandas posíbeis para os usuarios. Regueira sinalou que a Costa da Morte percibiu un cambio importante co goberno do BNG, sobre todo en materia social, empresarial (en chan industrial) e cultural. Houbo un avance cuantitativo e cualitativo.
Manuel Antelo Pazos afirmou que a transformación da comarca foi evidente. Citou, como un dos exemplos, a posta en valor dos monumentos megalíticos, en referencia ao parque de megalitismo, para o que se realizaron diversas xestións. Avanzou que haberá novidades axiña, xa para vos vindeiros meses.