O BNG manifesta a súa repulsa pola «salvaxe agresión» de Israel ao pobo palestino
Publicado en Galiza o 06/01/2009 01:51 por Xosé AntónO coordinador da Executiva do BNG, Francisco Jorquera, manifestou a “absoluta repulsa e condena do BNG ante a salvaxe agresión do Estado de Israel ao pobo palestino”,.
Esta agresión provocou máis de 555 mortos e un número superior a 2.700 feridos e mutilados na Faixa de Gaza.
Francisco Jorquera critica tamén “a pasividade e dupla moral da ONU e das grandes potencias ante esta nova violación da lexislación internacional e dos dereitos humanos por parte do Estado de Israel”.
Por último, o responsábel nacionalista manifesta “a solidariedade do BNG co pobo palestino, vítima da agresión imperialista de Israel e do silencio cómplice da comunidade internacional”.
O BNG reclama a suspensión de relacións diplomáticas con Israel até que non cese a agresión militar a Gaza
O grupo parlamentario do BNG rexistrou unha proposición non de lei na Cámara galega na que denuncia os bombardeos «indsicriminados» na franxa de Gaza nas últimas xornadas e recolle unha proposta de condena por parte do Parlamento «á agresión militar sionista, reclamando o fin de calquera operación militar e do bloqueo criminal á que o estado de Israel está a someter á franxa de Gaza».
Así mesmo, instan á Xunta a reclamar ao Goberno do Estado Español que suspenda as relacións diplomáticas e económicas co Estado de Israel até que non poña fin á agresión militar e ao bloqueo da franxa de Gaza.
Nun comunicado o BNG considera que este ataque constitúe un «verdadeiro crime de guerra» e supón o «colofón ao bloqueo perpetrado polo estado de Israel contra o pobo de Gaza».
O grupo parlamentario quere promover «no marco das Nacións Unidas», o envío inmediato dunha misión de observación e interposición co obxectivo de garantir o fin do ataque e do bloqueo.
