As eleccións ao Parlamento Galego e o manipulable voto d@s residentes ausentes

Non reformar o voto emigrante antes das eleccións galegas é unha fraude antidemocrática, dicía  moi ben o Vicepresidente da Xunta de Galiza, Anxo Quintana, mentres lle reclamaba, ao presidente do goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, vontade política para reformar a Lei Electoral. Así os residentes ausentes poderían votar en urna nas vindeiras eleccións ao Parlamento Galego, o 1 de marzo do 2.009. Ademais había tempo, capacidade política e ámbito regulamentario para poder facer esta modificación puntual da lei electoral antes dos comicios, só facía falla que o executivo español presente unha proposición de lei no Congreso dos deputados. Subliñaba Quintana que, de non  facelo, estariamos a asistir a un verdadeiro escándalo antidemocrático, non existindo razón para manter esa situación á que cualificou de “auténtica vergoña”.

Incidía, o Vicepresidente, en que a proposta lexislativa na Cámara española debería recoller o texto pactado polos grupos políticos  no Parlamento Galego, e reivindicaba a necesidade de que estes digan «en Madrid o mesmo que din en Galiza».

Pero o PSOE, que na Galiza dixo defender a reforma do voto emigrante e a necesidade de regular o alcance do dereito ao sufraxio dos residentes ausentes, limitando a súa participación ás Eleccións Xerais a través dunha circunscrición eleitoral propia, actúa doutra maneira en Madrid, bloqueando o proceso para modificar canto antes o sistema de voto dos residentes ausentes.

Como sinalou o portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, «por fin o PSOE se saca a careta e deixa ver ás claras que só aspira a manipular o voto emigrante en lugar de preocuparse por outorgarlle as debidas garantías”.

O portavoz nacionalista na Cámara Baixa lembrou que “foi o BNG quen axilizou o proceso no Congreso para que se constituíra a Subcomisión para estudar a reforma da Lei Eleitoral”, e “é o BNG quen colocou en primeira posición de saída o problema do sistema de voto dos emigrantes nas cuestións a abordar na Subcomisión creada a tal efecto”. Sempre defendemos a necesidade de que os emigrantes voten en urna e coas mesmas garantías xurídicas que os residentes no Estado. “E iso foi o primeiro que levamos á Subcomisión para que, antes de nada, se procedese a modificar ese sistema de cara as eleccións galegas”. Porén, “é o PSOE o que está interesado en manter o sistema tal como está porque sabe que o actual sistema é fácil de manipular”.  Jorquera acusou os socialistas de manteren «un dobre discurso vergonzoso» para evitar a reforma do voto emigrante «por intereses electorais».

Estimad@ lector/a : Non cabe dúbida que a lectura máis acaída da actitude do PSOE   persegue levar adiante manobras similares ás que o PP protagonizou no pasado co voto dos descendentes das persoas emigradas. Evitar a reforma do voto dos descendentes dos emigrantes en América ou Suíza é evitar que voten en urna nos consulados, con garantías democráticas, como se fai en todos os países que teñen nacionais no extranxeiro. 
Calquera se decata da necesidade dunha reforma que introducira garantías na emisión do voto dos cidadáns no exterior e debo lembrar que foi unha das recomendacións incluídas pola Cámara Galega, no ditame da Comisión de Investigación da famosa suposta Axente Electoral do PSOE. Mais, a postura socialista de evitar esa reforma, ademais de incrementar a sospeita de “pucherazo” no voto exterior, elimina o dereito ao voto dos mariñeiros embarcados e  mingúa a calidade do sistema democrático actual.

 

Deixa unha resposta