Bolivia: O presidente Evo Morales celebra o trunfo do Si (61,96%) nun referendo constitucional histórico

Clica no video para velo
Podes ver outros en radiomundial.com.ve

Segundo  publica ABI, O presidente de Bolivia,  Evo Morales,  celebrou a noite do pasado domingo o triunfo do Si no referendo constitucional que se rexistrou no país e á vez anunciou a refundación inmediata do Estado boliviano.

Ás 20.50, no Palacio Queimado, o Xefe de Estado saíu a un dos balcóns para anunciar á multitude que se apostou na  praza Murillo da Paz, o triunfo do Si no referendo constitucional histórico que viviu o país.

«Aproveito esta oportunidade para expresar o meu gran recoñecemento a todas as irmás e irmáns de Bolivia, a todos os compañeiros e compañeiras, a todas as cidadás e cidadáns que mediante o seu voto, mediante a súa participación democrática deciden refundar Bolivia», expresou o Xefe de Estado.

O Presidente dixo que o esforzo dos movementos sociais de toda Bolivia, os seus profesionais, os seus intelectuais, os seus artistas, non foi en balde, pero especialmente a loita do movemento campesiño indíxena, o sector máis excluído, o máis marxinado, máis humillado durante a República, agora é recoñecido como pobos, como organizacións, persoas que teñen o mesmo dereito como calquera cidadán ou cidadá.

DE TRUNFO EN TRUNFO

«Desde o 2005 ao 2009 imos de triunfo en triunfo, os neoliberais  vende- patrias permanentemente están sendo derrotados grazas á conciencia do pobo boliviano», manifestou.

Morales sostivo que o triunfo do Si garante esas transformacións profundas, que significa, que se acabou co latifundismo, cos terratenentes.

«Irmás e irmáns presentes na praza Murillo, que nos escoitan, que nos ven nos distintos medios de comunicación, quero dicirlles que estou aprendendo máis para servir mellor ao pobo boliviano, e iso que dixemos permanentemente, mandar, gobernar obedecendo ao pobo boliviano continuarémolo asumindo», anotou.

ACABOU O ESTADO COLONIAL

Evo Morales asegurou que a partir de agora comeza unha nova República e acabouse o Estado colonial.

«Quero que saiban algo, aquí terminou o Estado colonial, aquí acabouse o colonialismo interno e externo», expresou.

Insistiu en que terminou o neoliberalismo, a forma de poxar os recursos naturais, culminou éraa dalgúns señores que sempre intentaron regalar os recursos naturais.

«Agora, grazas á conciencia do pobo boliviano, os recursos naturais recupéranse para toda a vida, e ningún Goberno, ningún novo Presidente poderá poxar e entregar os recursos naturais ás transnacionais», salientou.

Sostivo que o pobo boliviano co seu voto, coa súa conciencia, coa súa participación constitucionalizou algunhas reivindicacións que levaron adiante, por exemplo queda constitucionalizado para toda a vida a renda Dignidade e o bono Juancito Pinto.

Afirmou que agora os servizos básicos como a auga, teléfonos, enerxía eléctrica, é un dereito humano, xa que logo, serán de servizo público e non de negocio privado.

MAIOR COORDINACIÓN

«Irmás e irmáns, pobo de Bolivia, imos ben, só falta maior coordinación cos nosos prefectos de toda Bolivia, cos nosos alcaldes, e quero anticiparlles, agora temos a gran obriga como Goberno e autoridades legalmente electas constituídas, de aplicar e implementar a nova Constitución Política do Estado boliviano», sinalou.

Insistiu en que a historia de Bolivia, logo de elixir constituíntes, de buscar consensos, de concertar con algúns prefectos, someteuse un proxecto de Constitución á vontade política do pobo boliviano.

«E aí debo saudar a esas forzas sociais do país, sexan comités cívicos, populares, outros comités cívicos dalgúns departamentos, a Central Obreira Boliviana, o Codelcam, por garantir a aprobación da nova Constitución», apuntou.

PORCENTAXE DE APOIOS

A nova Constitución Política do Estado foi aprobada este domingo co 61,96 por cento dos votantes no referendo constitucional, segundo os resultados en boca de urna difundidos por Televisión Boliviana (TVB) canle 7.

En contraste a esa cifra, o Non obtivo o 36,52 por cento. Entre brancos e nulos rexistrouse 1,51 por cento.

O Si gañou en seis departamentos: A Paz, Cochabamba, Oruro, Potosí, Tarija e Pando.

En tanto o Non venceu en tres departamentos; Santa Cruz, Beni e Chuquisaca.

 

Deixa unha resposta