BNG: non haberá parques eólicos na Rede Natura. Quen indique o contrario pretende confundir á xente
Publicado en Galiza o 17/01/2009 14:15 por Xosé AntónO Plano Eólico cumpre estritamente coa Rede Natura
Ante as informacións publicadas estes días en algún medio de comunicación, o BNG desminte rotundamente que se vaian construír novos parques eólicos en espazos protexidos. Nesa liña, a até agora portavoz de Medio Ambiente do Parlamento Galego, Ana Pontón, asegura que “non haberá parques eólicos na Rede Natura” e asegura que “calquera afirmación na que se indique o contrario é pura fabulación e constitúe unha tentativa de confundir á xente”
De feito, o novo Plano Sectorial Eólico é a primeira norma aprobada en Galiza que impide, por lei, a instalación de parques eólicos na rede natura. Porén, isto non sucedeu coas adxudicacións efectuadas co anterior goberno do PP presidido por Manuel Fraga e do que formaba parte Alberto Núñez Feijoo, caracterizado polo escurantismo, a discrecionalidade e a ocupación de espazos protexidos.
A preocupación do BNG polo ambiente está máis que probada e así se plasma tamén na política das consellarías presididas por esta forza política. Neste sentido, cabe destacar que o novo plan sectorial eólico aprobado pola Consellaría de Innovación permitirá rebaixar nun 71% o impacto ambiental dos parques proxectados.
O Partido Popular minte ao afirmar que o 15% da potencia adxudicada fica fóra do plan sectorial vixente. A repotenciación dos xeradores xa existentes permitirá ademais a redución do impacto ambiental en parques cuxa tecnoloxía vaia quedando atrasada.
En definitiva, estamos ante unha campaña que pretende escurecer o impacto positivo que terá o Plano Eólico, do cal Galiza é a gran beneficiada:
-En primeiro lugar, porque recuperou a decisión política e democrática sobre a explotación de recursos enerxéticos de carácter estratéxicos no desenvolvemento económico do noso país.
-En segundo lugar, porque grazas á participación pública revertirán nos galegos e galegas o 14% dos beneficios da explotación enerxética do vento.
-E en terceiro lugar, porque se vincula a explotación eólica ao fomento de novas iniciativas industriais e a creación de novos empregos.
Todo isto o BNG teno moi claro e non se vai enrugar por moito que insista na falsedade algún grupo de presión mediático ou algún dirixente político na procura de rédito electoral.