PSOE e PP: o mesmo sistema de voto de residentes ausentes é!!!
Publicado en Galiza o 24/01/2009 23:41 por Xosé AntónComenta a prensa escrita que o candidato do PSOE ao Parlamento Galego, Emilio Pérez Touriño, está moi molesto
pola decisión da Xunta Electoral Central de “limpar”, aínda que sexa só un pouquiño, o sistema de voto dos residentes ausentes. Dese xeito, os emigrantes deberán adxuntar unha copia do D.I ou pasaporte (aparte do sobre que conteña a papeleta) para a súa identificación. Para non recoñecer que a día de hoxe non existen garantías de que o voto dos residentes ausentes sexa tan limpo como o que emiten os residentes no país, afirma “respectar” o ditame do organismo electoral. A súa compañeira de Partido, Marisol Soneira, dende Uruguai, criticou abertamente unha medida que, afirma, converte os emigrantes en “cidadáns de segunda” (por ter que identificarse igual que cando nós imos depositar o sobre coa papeleta na urna. Igual non, xa que a eles chégalles cunha copia, non necesitan o orixinal como na Galiza, e unha copia sempre se pode falsificar de xeito máis doado). Tamén o portavoz do PSOE José Blanco dixo en Caracas (Venezuela) ante os emigrantes que a medida supón “trabas para exercer o dereito ao voto”. O BNG, mostrou a súa “sorpresa” pola reacción antidemocrática do partido socialista.
E logo cal é a razón da molestia?
“Semellan contrariados –din dende o BNG– pola decisión, como se lles molestase que por primeira vez se esixa documentación (aínda que sexa só copia) para que as galegas e galegos do exterior poidan votar con máis transparencia e seguridade”.
Esta medida non é a solución definitiva para a depuración do sufraxio exterior, mais supón unha clara penalización da posición política do PP e do PSOE, que nunca se preocuparon por dar transparencia ao sistema de votación da emigración. Eses votos non reúnen as mesmas garantías democráticas que as que rexen para os que votamos na Galiza por culpa da falla de interese do PP e do PSOE. Non reformar o voto emigrante antes das eleccións galegas é unha fraude antidemocrática, dicía moi ben o Vicepresidente da Xunta de Galiza, Anxo Quintana. Un verdadeiro escándalo antidemocrático, non existindo razón para manter esa situación á que cualificou de “auténtica vergoña”.