Ana Pontón: O BNG é o motor dos cambios na Galiza. Así o perciben @s galeg@s. Xose Regueira:Van xulgar ao BNG polo que fixemos e non polo que outros din que somos
Posted in A Costa da Morte on 01/25/2009 07:25 p.m. by Xosé Antón
A candidata Ana Pontón Mondelo, número 2 da candidatura do BNG pola provincia da Coruña, e Xosé Regueira Varela, responsábel comarcal do BNG e candidato pola comarca de Bergantiños, fixeron balance do traballo realizado polo BNG na Xunta de Galiza e adiantaron as propostas de goberno para os próximos catro anos, entre elas destacaron investimentos en infraestructuras, en innovacións tecnolóxias, actuacións no medio rural, vivenda, industria, cultura, benestar social ou equipamentos.
Este pasado venres 23 de xaneiro, nun acto público celebrado no hotel ABC da Laracha, a deputada Ana Pontón subliñou que o BNG é a única forza política que se presenta ás eleccións do 1 de marzo que toma as decisións pensando en Galiza e nos intereses da maioría social, algo que non fan o PP nin o PSOE. Neste senso é fundamental que o BNG avance nestas eleccións para consolidar os cambios realizados e para estender eses profundos cambios a outros ámbitos.
O Responsábel Comarcal e candidato do BNG por Bergantiños puxo como exemplo o compromiso do BNG coa
comarca de Bergantiños durante estes tres anos e medio de goberno bipartito. Falou do esforzo realizado para potenciar o desenvolvemento industrial así como a construción da Rede Pública de Galescolas, de centros de día para persoas maiores, dos investimentos necesarios en levar adiante o proxecto de parque industrial público, da rede Wimax na Laracha, entre outros programas realizados.
Por outra banda, todos sondeos realizados por distintos medios de comunicación e a falta de pouco máis dun mes para as eleccións autonómicas do 1 de marzo, sinalan que o BNG consolida as súas expectativas de subida de votos.
