1 de marzo: Alberte Ansede está seguro dun incremento de votos para o BNG e considera politicamente indecente a postura do PP e do PSOE co voto da emigración
Publicado en Galiza o 29/01/2009 21:25 por Xosé Antón 
O director de campaña do BNG, Alberte Ansede, asegurou esta mañá en rolda de prensa en Santiago que o vindeiro día 1 de marzo haberá “milleiros de galegas e galegos que votarán por primeira vez BNG”.
O secretario de organización nacionalista asegurou que esta confianza vén respaldada, nun primeiro termo pola “grande asistencia de persoas que estamos a rexistrar nos actos do BNG e que está a desbordar as nosas expectativas”.
Esta afluencia demostra, tal e como indicou Ansede, “que o BNG é hoxe por hoxe, a única forza política en ascenso no País, nun contexto en que uns van á baixa e outros apuntan cara ao estancamento” e isto é asi porque “sintoniza mellor cos desexos de amplos sectores da sociedade galega de que a grande transformación que o País comezou hai catro anos se consolide e profundice”.
O director de campaña nacionalista asegurou que nesta cita o Bloque aspira “a dar un salto cualitativo como País e a que Galiza teña por primeira vez na hsitoria un presidente nacionalista”.
Asi, Ansede asegurou que moitos cidadáns darán por vez primeira o seu apoio ao BNG “porque valoran o traballo de goberno e porque o BNG é quen inspira máis confianza para enfrentar a grave crise económica e conquistar maiores cotas de autogoberno”.
O director de campaña do BNG quixo a a súa preocupación polo feito de que “algúns aínda teñan a tentación de ollar cara ao pasado e reproducir prácticas que a grande maioría da sociedade galega quixera ver abolidas” e referíuse ao “combate que PP e PSOE protagonizan na emigración”.
“É politicamente indecente que un partido político pida fotocopias do DNI ou pasaporte ás persoas que acuden aos seus actos públicos e é politicamente inconcebíbel que un partido ameaze con levar ao Tribunal Supremo unha resolución da Xunta Eleitoral Central na que se reclama que os emigrantes voten identificándose”.
En opinión do líder nacionalista, “sobarda todos os límites o emprazamento feito polo alcalde de Lugo en viaxe oficial a Buenos Aires aos emigrantes galegos para que voten aínda que non teñan documentación en regra, o que constitúe unha especie de apelación á insubmisión perante a lexislación electoral que é intolerábel nun dirixente político responsábel”.
Alberte Ansede criticou duramente o feito de que este emprazamento “apareza mesmo nunha nota de prensa oficial servida pola Delegación en Buenos Aires da Xunta” e reclamou ao alcalde de Lugo que pida “excusas por estas declaracións” e amosou a súa sorpresa ante o feito de que se utilice unha nota de prensa oficial e se utilicen asi “recursos públicos para promover a vulneración de normas ditadas pola Xunta Electoral Central”.
Satisfacción no BNG pola resolución da Xunta Electoral Central
“Tamén dixemos que era un paso adiante insuficiente porque as plenas garantías só se alcanzarán cando o procedemento de voto dos residentes ausentes sexa idéntico ao que rexe para os que residimos no pais. Isto é cando se vote en urna tamén no exterior”.