Posted in Galiza on 01/08/2009 07:19 pm by Xosé Antón

Segundo sinala xornal.com, a TVE propuxo a celebración dun cara a cara con Alberto Nuñez Feijóo e Emilio Pérez Touriño. Quedaría polo tanto fóra dos mesmos o portavoz nacional do BNG e actual vicepresidente da Xunta de Galiza, Anxo Quintana. Unha decisión que se contradí co anunciado hai unhas semanas pola cadea televisiva, que puxera sobre a mesa un debate a tres bandas.
O presidente do Goberno Galego comprometeuse a celebrar un debate electoral entre os líderes das tres forzas políticas con representación no Parlamento; iniciativa apoiada por Quintana que se mostrou favorable a asistir a todos os debates que se celebren, tanto en medios públicos como privados. Pois non semella entendíbel que unha das tres forzas políticas representadas no parlamento galego quede excluída. É menos entendíbel cando goberna na Xunta de Galiza.
Antena 3 tamén pretende excluír ao nacionalismo dos debates
A exclusión de Anxo Quintana dos debates electorais non se reduce á televisión pública dos españois, senón que Antena 3 tamén propuxo un “cara a cara” entre Touriño e Feijóo. Mais, privar ás galegas e galegos da posibilidade dun debate político entre as tres forzas representativas non semella moi democrático, tendo en conta a representación que ten o BNG na Galiza e que ten a posibilidade de presidir o próximo goberno.
Posted in Galiza on 01/08/2009 01:33 am by Xosé Antón
A que non viches esta nova no xornal de maior distribución na Galiza? Claro, como era unha nova positiva para o sector produtivo do rural galego! Eu só a vin nun xornal. Lembrades da etapa dun goberno conservador na que as labregas e labregos galegos recibían malleiras por manifestarse? lembrades quen era o conselleiro? E o partido que gobernaba? E non era na dictadura! Non hai comparación posíbel entre a defensa dos intereses do noso País e o desleixo conservador de desgobernos pasados!

Máis de 40.000 produtores galegos recibiron nas dúas últimas semanas de decembro as axudas en concepto do pagamento único, as axudas acopladas por cultivos herbáceos e de ovino-cabrún e o pagamento adicional do sector lácteo.
Ao igual que nas campañas de 2006 e 2007, a Consellaría do Medio Rural, dirixida polo nacionalista Alfredo Suárez Canal, conseguiu aboar todas estas cantidades ao comezo do período establecido pola normativa comunitaria, que abrangue do 1 de decembro de 2008 ao 30 de xuño de 2009.
O volume total dos pagamentos foi un 1,5% superior aos realizados o ano pasado, grazas, en boa medida, ás xestións realizadas por Medio Rural para que os gandeiros que obtiveron cota no Plan Lácteo de 2007 adquiriran tamén dereitos de pagamento único por ela. Read the rest of this entry »
Posted in Galiza on 01/08/2009 12:51 am by Xosé Antón
Semella que, diante do que se escribe nos medios de información de masiva distribución, facía falla explicalo:
As vindeiras eleccións van ser unha proba de confianza no país para todos os cidadáns galegos e de todas as forzas políticas”. “O que decidimos o próximo un de marzo é a calidade do noso autogoberno, escollemos un presidente para Galiza e non para Madrid ou para Euskadi, asegurou hoxe Anxo Quintana no acto dos nacionalistas no 59 cabodano de Castelao.
Tamén subliñou o Vicepresidente da Xunta e candidato nacionalista á presidencia do goberno de Galiza que “si o BNG, en vez de ter dous deputados en Madrid tivese oito, e así puidese asegurar a estabilidade do goberno estatal, nós conseguiriamos tamén un financiamento xusto para o noso país”
Para ler un interesante resumo do dito polo Vicepresidente no novo diario de información galego Xornal.com (en prensa escrita Xornal de Galicia) clica aquí.
Xornal de Galicia