PSOE + PP + monopolio eólico + prensa centralista: Están tolos estes romanos …
Publicado en Galiza o 28/12/2008 17:27 por Xosé AntónSemellaba que o PSOE e o PP, como parella de feito, pretendían co apoio da prensa anti-galega e das empresas foráneas paralizar, como unha poderosa lexión romana, o proceso de resolución do concurso eólico galego.
No PP, con Mariano Rajoy e Feijoo á cabeza, dicían que algo fedía a podre no tema do vento (se cadra falaban das opacas distribucións de muíños de vento durante o desgoberno conservador). O PSOE, coa maior deslealdade posíbel cara o seu socio goberno, fuxe da comisión de valoración, mais non consigue paralizar o proceso.
Medios con gran distribución, como “La Voz de Galicia”, comezara anteriormente un ataque furibundo, nunca antes visto, contra o Plano eólico da consellaría de Industria. Plano Industrial na que Galiza é a gran beneficiada, só hai que escoitar o que se di desde as cooperativas leiteiras promotoras do Grupo Lácteo Galego: “Este é o maior exemplo de redistribución de riqueza en Galiza”.
E Touriño,como presidente, que defende? Debe defender máis o interese privado de certos monopolios eólicos foráneos que o interese público da sociedade galega e do sector empresarial galego, se atendemos ao que sae en distintos medios de comunicación.
A poderosa lexión romana presentábase unida para atacar aos celtas galaicos. Todo levaba a pensar que a derrota de Galiza, igual que outras veces, estaba próxima. Mais, a defensa intelixente dos intereses públicos do noso país por parte do conselleiro Fernando Blanco, apoiado por todo o nacionalismo, provocou a primeira derrota da historia recente do antigaleguismo. As devanditas lexións non só non conseguiron derrotar ao seu inimigo galego, senón que Galiza conseguiu con escrupulosa legalidade, obxectividade e transparencia evitar o mangoneo das súas capacidades enerxéticas por primeira vez na historia. Gañou Galiza, como dixo o Vicepresidente Anxo Quintana. E o BNG, coa moral alta pode presentarse ás eleccións, co orgullo do traballo ben feito, para que as galegas e galegos gañemos o noso futuro a pesares da forte presión mediática .
