Israel segue masacrando Gaza. EE.UU. e Europa non condenan os asasinatos…
Publicado en Mundo o 28/12/2008 18:32 por Xosé Antón
Polo menos 282 persoas morreron e 900 resultaron feridas polos ataques de Israel en Gaza, bombardeada hoxe por segundo día consecutivo na operación israelí contra os palestinos máis sanguenta desde a Guerra dos Seis Días de 1967. Segundo fontes médicas palestinas, o número de vítimas pode aumentar nas próximas horas, tanto pola continuación dos ataques como polo estado crítico en que se atopan 120 feridos.
Uns 65 palestinos perderon a vida na última onda de ataques da Forza Aérea israelí contra sedes de Hamás, talleres metalúrgicos e mesquitas, declarou o responsable do servizo de urxencias en Gaza, Moawiya Hasanein.
A primeiras horas da pasada noite, a aviación militar israelí destruíu a estrada Saladino, a principal de Gaza, á altura norte e logo, durante a noite, os F-16 israelís bombardearon 23 obxectivos, entre eles o edificio onde se reúne o Goberno de Hamás en consello de ministros
O Consello de Seguridade da ONU, reunido de urxencia esta madrugada, en declaración no vinculante pediu unanimemente o «cesamento inmediato» da violencia na zona e que se permita a subministración de axuda humanitaria á franxa palestina. Pero non condenou a masacre producida polos israelís.
EEUU e a Unión Europea non condenan a masacre militar de Israel. Seguen a estratexia de costume: Mesturar ao invasor (Israel e o seu aparello militar) co invadido (Hamas e Gaza) equiparándoos nun mesmo poder de fogo dentro dun conflito, non de ocupación (a guerra do dominado contra o dominador) senón de «violencia» xerada por un Estado «terrorista» (o goberno de Hamas). As primeiras declaracións de EEUU e a Unión Europea como reacción á matanza non deixan dúbidas: A masacre militar indiscriminada contra a poboación de Gaza non é tal senón que só se trata de «operacións contra obxectivos terroristas». E as victimas (a
maioría civís e nenos) non son tales senón que son «brancos terroristas». O eixo sionista USA-UE-Israel volve ao seu vello costume: Disfrazar unha matanza imperial de ocupación converténdoa nunha «guerra contra o terrorismo islámico».
Mentres, o primeiro ministro israelí, Ehud Olmert, advertiu hoxe de que a ofensiva «pode prolongarse durante moito tempo» e que Israel actuará até alcanzar os resultados desexados.