Galiza é a gran beneficiaria da resolución do concurso eólico.
Publicado en Galiza o 26/12/2008 17:43 por Xosé AntónO 14 por cento da potencia eólica será pública.
O que implica que Galiza e as galegas e galegos sexan os grandes beneficiarios desta resolución.
A consellaría de Innovación e Industria acordou hoxe admitir a trámite, trala resolución da comisión de valoración, un total de 2.290 megavatios eólicos, dos 2.325 que se poderían acoller. O 14,2%, un total de 325,74, serán cedidos á Xunta de Galiza, xerando 30 millóns por ano.
O concurso eólico xa ten gañadores tras unha longa tramitación
O grupo máis beneficiado no reparto foi Eólica Galenova -filial de Caixanova-, con 235 megavatios; seguido de Aucosa -que integra varias conserveiras-, con 216 megavatios; de Norvento, con 193,8 megavatios; e de Ventos Cooperativos -que encabeza Feiraco e aposta por un grupo lácteo galego-, con 192.
Así quedou o concurso:
Acciona Eólica Galicia (72,75 megawatios), Andavia Renovábeis (50), Aucosa Eólica (216), Cupa Renovábeis (118), Enel Unión Fenosa (15,1), Engasa (1,5), Enerxías Renovables de Galicia(142), Eólica Galenova (235), Eólicos Touriñán (15), Fergo Galicia Vento (22), Fisterra Eólica (174), Gamesa (42), Hidrofreixa Eólica (17,5), Inesgal (36), Montouto (20,25), Norvento Eólica (172,8), Norvento (21), NEO (125,7), Olivento (13,02), Proxecto Engadir (50), Puentegasa (173,4), Sistemas Energéticos Ortegal (24), Tablicia (6), Total Eólica (41,5), Ventauría Enerxía Rural (160,2), Vento Ártabro (76), Ventos Cooperativos (192), Ventos de Beitureira (8) e Viraventos (50).
O investimento previsto no desenvolvemento destes parques é de 2.744 millóns de euros que, segundo informou o conselleiro, se suman aos 1.400 millóns de euros dos proxectos industriais asociados e xerarán arredor de 8.000 postos de traballo, aos que se sumarán 3.100 empregos para a propia construción dos parques eólicos. O 40% dos beneficios que reciba o Goberno galego irán destinados a obras e proxectos nos concellos directamente afectados polas instalacións.
O conselleiro de Innovación e Industria destacou que desta participación pública que os promotores lle cederán ao INEGA, o 40% repercutirá directamente nos concellos afectados e o 10% nas comunidades de propietarios dos terreos. O consellerio tamén destacou que a práctica totalidade dos proxectos recolle unha porcentaxe de participación sobre a facturación bruta anual de entre o 1% e o 3%, que equivalerá a 15,6 millóns de euros estimados anuais para os propietarios.
En palabras do conselleiro de Innovación e Industria, «todos, e cando digo todos, digo todos» os membros da comisión de avaliación -tamén, polo tanto, os representantes das consellerías de Política Territorial e Medio Ambiente que abandonaron a comisión avaliadora- acreditaron o «rigor» dun concurso que, explica Fernando Blanco, atendeu a unha «escrupulosa legalidade, obxectividade e transparencia».
O conselleiro de Industria estivo acompañado polo Vicepresidente da Xunta de Galiza en rolda de prensa. Anxo Quintana destacou que “a historia deste país sempre foi que fomos un país produtor pero sen que os cidadán se poidesen aproveitar desta condición”. “A resolución ten un gran beneficiario, un gañador, que é Galiza”, resumiu o líder nacionalista.
Sobre os proxectos industriais que deberán desenvolver os adxudicatarios, Quintana calificou de «boa noticia» esta inxección ao tecido produtivo do país nun «momento de crise». O vicepresiente recoñeceu ademais que fóra da listaxe final quedaron proxectos que no Goberno provocaban unha especial «ilusión», como os que incluían o traslado da factoría de Ence fóra da ría de Pontevedra, un plan que, aclara Quintana, «non se recolle porque non acadou as esixencias que dende o decreto se facían. A todos -di- nos gustaría ver a Ence fóra da ría, a min o primeiro, pero isto é un concurso».
Sobre as posibles «dúbidas xurídicas» expresadas nos últmos días polos represenantes socialistas na comisión, o Vicepresidente da Xunta dixo ben claro: «A próxima dúbida xurídica, que se diga cal é». Anxo Quintana chama a rematar coas «especulacións» nun contexto no que, di, a resolución do concurso se enmarca, como calquera outro, «nun Estado de dereito» no que as reclamacións, se existisen, terían que ser plantexadas «polos interesados». O vicepresidente aclara que non coñece ningunha denuncia ao respecto.
É de resltar o forte pulo ao «gran proxecto lácteo» da Galiza na concesión de 192 megavatios á sociedade Ventos Cooperativos.
«Este é o maior exemplo de redistribución de riqueza en Galiza», subliñan desde as cooperativas promotoras. Alén do grupo leiteiro, propoñen outros proxectos ambientais e enerxéticos sustentábeis, así como a creación do chamado Instituto de Desenvolvemento do Campo. De xeito concreto, desde Feiraco apuntan que se trata dun inédito recoñecemento «do papel no desenvolvemento de Galiza» dos propietarios de explotacións rurais que veñen traballando en favor do mantemento e conservación do territorio.
Atrás do proxecto están as cooperativas leiteiras Feiraco, Icos, Irmandiños e Colaga, que en conxunto reúnen a representación de máis de dez milleiros de explotacións agrogandeiras no país.
