Ataque masivo de «La Voz de Galicia» contra as consellarías xestionadas polo BNG
Publicado en Galiza o 21/12/2008 03:02 por Xosé Antón
Durante os últimos tempos un medio de comunicación chamado “La voz de Galicia” que semella ter unha liña ideolóxica moi de dereitas e próxima ás teses dos partidos centralistas, comezou cunha campaña, en datas moi próxima ás eleccións galegas, de desprestixio contra as consellarías nacionalistas da Xunta de Galiza. Consellarías que traballan constantemente polos intereses de todas as galegas e galegos e dignifican os nosos sinais de identidade. Non teño dúbida que se debe respectar a discrepancia, porque o pluralismo ideolóxico é imprescindible para vivirmos nunha sociedade democrática, pero a democracia tamén ten que esixirlle á Voz de Galicia un tratamento rigoroso e veraz das informacións alén do lexitimo dereito que este medio ten de emitir opinións, aínda que sexan en contra dos intereses do noso país. Así que ante o que podemos considerar descualificación, manipulación e mentira diaria, sería interesante acceder directamente ás paxinas web das distintas consellarías para recadar a información necesaria para ter unha información veraz sobre o que está a realizar en beneficio do pobo Galego.
Tamén se pode acceder a medios de comunicación que non manipulan a realidade e traballan por emitir información veraz e centrada no noso país, non en intereses alleos contrarios á sociedade galega.
Exemplos de medios de información galegos que non manipulan a información temos varios, entre outros podemos atopar os seguintes, aínda que hai máis:
Aparece nese medio que Bieito Lobeira comentou nun pleno do Parlamento Galego que A Voz de Galicia deturpa a realidade e inventa un mundo completamente diferente ao existente no noso país. Os donos da Voz de Galicia pode que non gusten do comentario, mais os ataques continuados e desproporcionados contra as consellarías nacionalistas da Xunta de Galiza amosan un odio insensato contra todo o que sexa defensa dos intereses galegos.
Preténdese facer unha campaña antigalega, antinacionalista para procurar que o BNG non medre electoralmente, para incrementar os votos nos partidos españolistas, que amosaron moi pouco interese en defender a nosa industria, a nosa cultura, o noso idioma, o benestar social, a producción agrogandeira, os nosos recursos naturais, o dereito a unha vivenda digna, entre outros?
Pode que ese medio de información, ou outros, teñan moito interese en descualificar ao BNG, aproveitando a súa influencia mediática.
Así, e de outros xeitos, semella que se pretende acadar uns fins inconfesábeis, en contra dun partido nacionalista que cogoberna a Xunta de Galiza, nunhas eleccións moi importantes para o noso pobo, para a cidadanía, para a maioría social do noso pobo. Pode que se usen uns fortes e escuros medios para elo. É de agardar que a intelixencia das galegas e galegos axude a que unhas ruíns metas antigalegas non se consigan. O benestar da xente do noso país minguaría considerablemente mentres nel medraría a inxustiza,a pobreza, a desigualdade, e a ruindade sería un valor en alza.
As galegas e galegos temos dereito a ter unhas eleccións libres e non manipuladas por certos intereses alleos á liberdade de información.