voltamos o xoves de novo

O xoves 11 de arzo actualizo o blogue (por fin!) co resumo de dous actos. O primeiro, da comarca de Bergantiños do  luns 8 de marzo, con motivo do día internacional das mulleres traballadoras realizado na aula de cultura de Caixa Galicia dA Laracha). 

Subirei o vídeo e as imaxes do acto no que as compañeiras do BNG nos expresaron que debemos  asumir, todos os días do ano, como nacionalistas o herdo de Rosalía e traballar sen descanso por conquistarmos a igualdade real de oportunidades entre homes e mulleres. Rosalía, patriota galega defensora dos dereitos das mulleres, expresou moi ben a existencia da nosa  identidade nacional.

 Nunha das intervencións fíxose un percorrido polas reaccionarias políticas executadas  polo PP na Xunta  Galiza, que provocaron, entre outros efectos negativos para a poboación,   o incremento  de persoas en paro, a maioría delas mulleres.

 Tamén se  falou da campaña de privatización dos servizos de benestar por parte dos políticos da dereita, política que vai contra as mulleres. Nese día, o PP optou por disfrazarse, reproducindo os peores estereotipos de xénero. Unha burla ás mulleres, á loita feminista. Mais, un exemplo evidente témolo no conservador goberno municipal da Laracha, onde para unha tarefa de responsabilidade similar, os concelleiros cobran un 40% máis que as súas compañeira con adicación exclusiva ao cargo.

O segundo resumo, unha das manifestacións convocadas pola CIG para mañá mércores 10 de marzo con motivo do Día da Clase Obreira Galega; a da Coruña, na Palloza ás oito da tarde, que me queda máis perto.

Por hoxe deixámolo aquí, xa que a Mesa do Parlamento acordou, na súa reunión deste pasado luns á tarde, por maioría rexeitar a admisión a trámite da Iniciativa Lexislativa Popular sobre os usos públicos do galego nos ámbitos das administracións públicas e o ensino que a plataforma Queremos Galego veu promovendo nos últimos meses. Mais non conseguirán os ultras do PP  ter silenciado a Queremos Galego, por moito terror que o Partido Popular teña a debater no Parlamento sobre os dereitos lingüísticos das galegas e galegos.


E son estes os que gobernan Galiza?

Un ano despois de que o PP se fixese co goberno do noso País, o desemprego aumentou na Galiza un 15% e as políticas con marca conservadora camiñan en sentido contrario a paliar  a  crise económica ao financiar a deslocalización das empresas galegas. Noutros casos  adxudican contratos ás empresas nas que traballaron ou mercan, de xeito insensato, máis de 400 vehículos en dez meses de lexislatura. Será para controlarlle as dietas aos parlamentarios ppopulares? Da situación económica e doutros temas da actualidade galega falou con clareza o Portavoz Nacional do BNG, Guillerme Vázquez, nunha áxil entrevista na TVG. Ler máis »


Outra de racismo antigalego

Semella que agora todos os representantes partidos políticos da cámara galega, até o presidente da Xunta, están molestos coa actitude da extremista Rosa Díez, que, como ben dixo Pilar García Negro, é igual de racista que os nazis.

Mais non me parecen cribles as declaracións dalgún dos partidos políticos. E logo, non nos lembramos dunhas asociacións foráneas que apoiaron unha manifestación antigalega aplaudida por Feijóo e duramente criticada desde posicións nacionalistas?

 Non foi acaso Feijóo, o do decretazo antigalego, o que se manifestou a favor das ideas que defende Galicia Bilingüe e considerou adecuado e razoable que membros do seu partido acudiran á manifestación, organizada polo colectivo comandado por Gloria Lago, porque está dentro das súas ideas lingüísticas.
Á manifestación convocada Galicia Bilingüe acudiron, ademais da líder do UPyD, Rosa Díez , os membros do PP Afonso Roda, Ana Pastor, Corina Porro, Carlos Negreira e Ignacio López Chaves.

Estes políticos do PP compartiron a pancarta que encabezaba a marcha coa presidenta de Galicia Bilingüe, Gloria Lago, a líder do UPyD, Rosa Díez, Miguel Cancio ou representantes de Cidadáns como Albert Rivera e Antonio Carballos.

Xa o BNG afirmara, naquel intre, que a manifestación baseábase na mentira de que o castelán está en perigo en Galiza e considerou que esta convocatoria estaba protagonizada polo sector máis reaccionario españolista. Agora, diante da resposta social á actitude racista de Díez, algúns no PP non queren salpicarse na lameira antigalega. Mais na pancarta da manifestación si que estaban. E o decretazo antigalego é cousa deles, en exclusiva.

E o silencio que consinte, do realizador da entrevista, Iñaki Gabilondo, amosa que o termo pexorativo non foi eliminados da mente dalgún famoso persoeiro do periodismo, aínda que xa non exista no dicionario da RAE grazas ao traballo político do BNG.


O PP prefire a deslocalización das empresas galegas

Lembraba nun artigo anterior que o PP  prometera que, ao chegar á Xunta de Galiza,  poría  fin á crise económica nos primeiros 45 días de goberno. Case un ano despois de facerse co goberno do noso País, o desemprego aumentou na Galiza un 15%, e pequenas e medianas empresas pechan todos os meses e/ ou presentan concursos de acredores para intentar saldar as súas débedas.

E cal é a actitude deste goberno antigalego coas empresas que realizan ERE sen xustificación? Pois esta Xunta concédelles créditos, dese xeito financian a deslocalización da produción e, por conseguinte, a destrución de emprego no noso país, ou  ”favorece” a empresas ligadas ao PP.

 presentacións do camarada Xcotelo.


terraetempo.com

Axiña vai comezar a edición en liña do Terra e Tempo. O dixital aparecerá coa lenda “dixital galego de pensamento nacionalista” e -segundo os seus promotores- pretende achegar análises sobre a realidade actual desde unha perspectiva nacionalista. O dixital estará actualizado diariamente, os 7 días da semana, en canto a artigos de opinión, e cunha actualización máis espazada no tempo no que se refire aos apartados de videoteca, imaxes e descarga de documentos. O proxecto conta cun amplo grupo  de colaboradoras e colaboradores da Nación Galega.